domingo, 15 de febrero de 2009

sábado, 14 de febrero de 2009

Publicidade ¿Subliminal?



Xa vira anuncios de case todo empregando o sexo como anzol. De CASE todo. Ata que cheguei onte á casa e me topei con isto. Non sei se extrañarme polo feito de que é o primeiro exemplo que atopo ou preguntarme o motivo de que non se tivera empregado antes...



Miss Xaneiro


Ficha Técnica da Synapse Hi-MOD

Fotos escaneadas da propia publicación.

viernes, 13 de febrero de 2009

¿É posible moverse en Vigo sobre dúas rodas e sen motor?

13/12/2008
Os problemas de tráfico das cidades resólvense en boa parte de Europa coa bicicleta

España non é Europa. E Galicia non é España. Falar do uso da bicicleta como medio de transporte diario é falar de diverxencia entre países, non só dentro da Unión Europea, senón xa na Península Ibérica.

Cando un se achega ás grandes cidades da Europa máis ao norte atópase cunha estampa difícil de esquecer: centos de traballadores acoden á oficina, con traxe e gravata, pedaleando nunha bicicleta de cidade. Os estudantes ou as familias con nenos non son a excepción, as masas de ciclistas son constantes en boa parte de Europa. Dende fai varias décadas, a bicicleta emprégase entendéndoa como un medio de transporte ecolóxico, económico e saudable. Os automóbiles e os peóns non son nin inimigos nin obstáculos, unha gran cultura cívica permítelles compartir espazos sen ningunha clase de problemas. O clima aprende a superarse con certos trucos prácticos; o frío e choiva logran evitarse se sabe como. A clase política apoia este tipo de iniciativas xa que en moitas das capitais o uso do automóbil no centro das cidades está gravado con altos impostos e búscase a converxencia entre bicicleta e transporte público. As infraestruturas propias destes países (os carrís bici, as vías acondicionadas, os aparcadoiros para bicicletas...) son numerosas, están correctamente sinalizadas e ben coidadas.

España, situada ao sur do continente, está aínda sumida nun uso da bicicleta como ocio e turismo. A maior parte das cidades españolas non están adaptadas ao uso habitual da bicicleta. É certo que existen carrís bici nas aforas, en zonas verdes destinadas a pasear, pero non os hai para cubrir as rotas dos usuarios habituais. Topámonos maioritariamente con infraestruturas para o lecer e as políticas autonómicas para fomentar as rotas urbanas non soen materializarse en beneficios para os ciclistas. Non obstante, hai casos extraordinarios nos que vemos a aceptación deste vehículo como un medio áxil e efectivo de transporte. Barcelona é o exemplo máis punteiro do país. Na cidade unha porcentaxe moi importante da poboación móvese pedaleando. Os aparcadoiros son habituais na zona máis céntrica; existen numerosos carrís bici e a poboación ten moi interiorizado o uso cotiá da bicicleta. Ao igual que na Europa máis avanzada, os automobilistas respectan aos ciclistas e os peóns non se senten amedrentados polos usuarios da bicicleta.
O que lle queda por facer a Galicia
Galicia, dentro de España, é unha das comunidades onde a bicicleta ten un uso principalmente turístico e de lecer. É relativamente estraño ver xente dirixirse ao traballo nela. En moitos casos o clima non axuda, pero tampouco o fai na gran maioría das cidades europeas nas que si se emprega a bicicleta. ¿Por que debería ser máis raro ver un home en traxe camiño do traballo aquí que en Copenhague? En Galicia é moi perceptible o uso turístico que se lles dá ás bicicletas. Na cidade de Santiago de Compostela atopamos enseguida aparcadoiros con bicis que se poden empregar durante certo tempo se se posúe unha tarxeta de usuario. É certo que existen certas iniciativas para potenciar o uso habitual, sobre todo procedentes das universidades. No caso de Coruña ou Santiago, xa puxeron a disposición dos alumnos e traballadores universitarios varios centos de bicicletas para que se despracen ata os respectivos campus. A universidade compostelá realizou accións similares no curso 2007-2008, e a cidade de Coruña estréase este ano. Porén, estas iniciativas seguen a resultar escasas se temos en conta o gran número de persoas que se moven a diario nas cidades galegas. Sendo Vigo a cidade da comunidade na que maiores vendas de bicicletas se rexistran, é unha das que menos adaptada ao uso diario se atopa. Nela deben convivir peóns, ciclistas e automobilistas cun risco importante para a seguridade dos dous primeiros grupos. Faise moi pouco habitual atopar xente desprazándose en bicicleta sen que exista unha compoñente de lecer. Moitos dos que preferirían ir sobre dúas rodas a todas partes vense imposibilitados polo feito de que moitos condutores vigueses non senten respecto polos usuarios non motorizados. Isto súmase á inexistencia de vías adaptadas ao uso, exclusivo ou non, dos ciclistas.

A opinión dos non-usuarios vigueses
Xosé Manuel Suárez, presidente da asociación viguesa en defensa da bicicleta “A Golpe de Pedal” non dubida en comentar que o principal problema da cidade olívica non é só a falta de infraestruturas, senón a existencia dunha cidadanía na que é moi forte a dependencia respecto do automóbil. A xente, na súa opinión, cre que a bicicleta “é de pobres, é de nenos”, os potenciais usuarios non toman en serio a idea, non se ven a si mesmos pedaleando. Isto súmase á falta de implicación das institucións, que “teñen que ir por diante” para lograr un uso racional da bicicleta. As iniciativas tomadas noutras cidades, españolas ou galegas,segundo el, non se poderían poñer en marcha a curto prazo en Vigo debido non á orografía senón á falta de vontade popular. En xeral as propostas que se tentan levar a cabo en Vigo topan sempre con algunha oposición cidadá, en todo momento existe algún grupo da poboación que considera que as medidas non son as acertadas e promove que non se implanten. “A Golpe de Pedal” ten como obxectivo básico intentar que a xente non tema moverse sobre dúas rodas. O seu labor é buscar a convivencia distendida entre automóbiles, peóns e ciclistas. O maior desexo desta agrupación é converter Vigo nunha cidade ecolóxica, na que a bicicleta se entenda como un factor positivo na mobilidade, para facer deporte, promover o ocio e o turismo. Porén, pese as mobilizacións e marchas que realizan acotío, consideran o seu desexo algo imposible a curto prazo posto que cren que a mentalidade da cidadanía non se pode cambiar só nun par de anos.

A xente máis nova moitas veces non se arreda tanto como a adulta á hora de botarse á rúa en bicicleta, pero denuncia, así mesmo, a falta de aparcadoiros na cidade ou de carrís adaptados. Porén, ata para os máis valentes é un risco tentar atravesar en bicicleta as zonas máis céntricas da cidade, como a Praza de América. Moitos mozos desexarían poder ir aos seus centros de estudo en bicicleta pero non se atreven ou non teñen onde deixar os seus vehículos sen amarralos a unha farola. Os que se moven a pé na cidade tamén botan en falta as infraestruturas adaptadas aos ciclistas xa que consideran que a súa inexistencia os pon en perigo tamén a eles. É un risco para os peóns que as bicicletas se empreguen nas beirarrúas por non poder usarse nas calzadas. Moitos viandantes temen ser atropelados polos ciclistas, e pola súa banda os ciclistas séntense incomprendidos polos camiñantes.

A suma de inexistencia de infraestruturas coa incomprensión entre os diferentes usuarios das vías olívicas dá por resultado que en Vigo a bicicleta non se empregue tanto como o permitirían as condicións xeográficas e climáticas da cidade. Quizás pola conxunción de todos eses factores, aos que se engade a falta de iniciativas institucionais, o uso da bicicleta como medio de transporte diario considérase en Vigo tan só un desiderátum; un soño, para moitos, a moi longo prazo.

As vantaxes de moverse sobre dúas rodas
Actualmente fabrícanse máis bicicletas ca coches, o cal implica que existe unha maior demanda de bicicletas ca de automóbiles. A herdeira do velocípede é un medio de transporte económico, ecolóxico e saudable. En cidade o seu uso está recomendado para traxectos de entre 3 e 5 quilómetros. Resulta práctica para ir ao traballo, á escola ou para desprazarse dun lugar a outro na urbe. En Holanda, Suecia, Dinamarca ou Bélxica empréganas adaptadas ás condicións das cidades, con gardalamas, portavultos e unha estrutura máis lixeira cas de montaña. Nalgúns casos, sobre todo naquelas zonas onde a bicicleta se complementa co transporte urbano, é habitual atoparse con modelos que se poden pregar e introducir nos autobuses ou vagóns de tren ou metro.
O clima non ten porque ser un impedimento para desprazarse sobre dúas rodas en cidade, pese a que en moitas capitais europeas as condicións non son as máis favorables, podemos observar unha continúa afluencia de ciclistas. Da choiva podemos defendernos cun chuvasqueiro e en caso extremo uns pantalóns de auga; equipados deste xeito xa podemos saír á rúa baixo as nubes. O frío combátese con roupa de abrigo, un par de guantes e bufanda. Todos estes obxectos poden ser logo almacenados no portavultos, onde tamén se poden levar os maletíns,mochilas ou ordenadores portátiles. Os complementos que nunca deben faltar son o casco, de uso obrigado, e a roupa con bandas reflectoras. As bicis, con máis razón as de cidade, tamén deben ir equipadas coas luces regulamentarias, que as fan máis visibles para os condutores. Isto non debe esquecerse nunca xa que xunto cos peóns, os ciclistas son as pezas máis débiles da circulación, urbana ou non.

Iniciativas galegas a favor da bicicleta
Pese a todas as deficiencias nas infraestruturas adaptadas en España e Galicia, estanse a ver senlleiras actuacións que modifican, ou tentan modificar, a situación de atraso respecto a Europa no eido dos transportes ecolóxicos. Así, a nivel europeo, podemos topar dende 1997 o Proxecto Eurovelo, que ten como pretensión máxima a creación, en quince anos, dunha rede europea de rotas para bicicletas. O seu propósito é que cheguen a existir doce grandes itinerarios que atravesen o continente do mesmo xeito que o fan as autoestradas ou as sendas para peóns. Esta proposta está impulsada principalmente pola Federación de Ciclistas Europeos (ECF) e polas federacións de ciclistas de Dinamarca e Reino Unido. O que se desexa é promover o uso da bicicleta como medio de transporte e ao mesmo tempo un turismo máis sostible e responsable co medio ambiente. As sendas ciclistas están, pois en parte de Europa xa existen, organizadas a través dunha oficina central en Bruxelas. Pola súa banda, cada rota está baixo a responsabilidade dun Consorcio de Rota que controlará o trazado e asegurará o resultado final. En Galicia, o Eixo Atlántico, apoiado por varias asociacións ciclistas, ente elas “A Golpe de Pedal”; propón que a comunidade se integre dentro do Proxecto Eurovelo mediante unha conexión coas rotas que chegan ata Portugal. Este plan europeo pretende así mesmo ter un impacto positivo nos concellos atravesados polas rotas tanto a nivel medio ambiental como turístico, económico e cultural.

Outra das iniciativas máis importantes de concienciación cidadá sobre o uso da bicicleta é a coñecida como “Masa Crítica”. Este é un movemento naceu en San Francisco (Estados Unidos), unha cidade con grandes desniveis, para reivindicar o espazo dos ciclistas nas cidades. A súa base é a reunión de usuarios que saen á estrada e colapsan, nos casos máis radicais, o tráfico rodado. Deste xeito fan visible aos condutores a situación precaria e de inseguridade que viven a diario. Máis tarde, este movemento, estenderíase a Europa e agora é unha constante nas cidades españolas. En Galicia non ten a mesma magnitude que noutros concellos da península pero é unha onda crecente que representa o interese dunha gran parte da cidadanía por mellorar as condicións do tráfico urbano. En Vigo a “masa crítica” reúnese un domingo cada mes, organizada por “A Golpe de Pedal”, para resaltar o estado en que se atopa o uso habitual da bicicleta na cidade. Segundo Xosé Manuel Suárez, esta é unha “masa crítica descafeinada”, sen punto de comparación por agora coas europeas, xa que as condicións da cidade, e resalta de novo, a cultura cidadá dominante, impiden unha celebración máis reivindicativa. No caso vigués, e dado que o tráfico non se corta, os ciclistas deben extremar as precaucións, sendo equiparables ás que toman a diario, a pesares de atoparse máis protexidos polo feito de ir en grupo.

Estas iniciativas, pese a ser representativas e moi salientables, non son, por desgraza, as suficientes para que Vigo acade a posición que podería ter en Europa no uso da bicicleta como medio de transporte.