jueves, 28 de enero de 2010

O meu último descubrimento radiofónico [Actualizado 11/06/2017]

Agora xa teño unha ocupación obrigatoria, e con moito gusto, dende os luns aos venres das 11 da noite ao comezo do día seguinte. Recén descubrín de casualidade, por motivos da facultade, Planeta Furancho, un programa de música galega e en galego.

Durante unha hora cada noite Vituco e Nuria dánnos a coñecer a grupos tanto emerxentes como xa consolidados da música da terriña. Un pracer para desconectar cada durante un anaco das rutinas do estudo e do traballo.

Como bonus, estiven, de casualidade é certo, presente na gravación do programa número 100, o 22 deste mes, escoitando en directo a Secho e Os Invisibles. ¡Un luxo para comezar o 2010, vaia!


Planeta Furancho: De luns a venres de 23.00 a 24.00 na Radio Galega Música. (Frecuencias)

ACTUALIZADO EN 11/06/2017 Planeta Furancho caeuse da grella da Radio Galega en maio de 2016 pero aínda podedes localizar algúns dos seus podcasts na web da RG.

domingo, 17 de enero de 2010

Haití, ¿onde está Haití?

Haití está devastado, eso sabémolo ben, a todas horas os medios nos bombardean con datos sobre o tráxico final do terremoto da semana pasada. Xa somos capaces ata de ver en GoogleMaps a nova fisionomía do terreo, cando aínda quedan centos de corpos baixo os cascallos parece máis macabro do que xa é.


Que sinxelo é moralmente dar agora cobertura mediática á illa, analizar as causas do terremoto, temer que sexa froito do quecemento global e doar miles de euros dende Europa recadados en telemaratóns solidarios. Só con iso quedamos ben contentos con nós mesmos. Somos os bos, os europeos que están aí para solucionar os males dos pobriños haitianos. ¿Pero que pasou en Haití entre a situación de excepción de 2004 e o movemento de terras deste xaneiro?¿Onde estiveron os nosos políticos, aqueles que representan a voz da cidadanía, nese tempo? ¿Alguén sabía algo de Haití se non estaba involucrado directamente coa illa? Haití non existía nos medios, non existía para ninguén que estivera a máis de 600 quilómetros da illa. Para nós, o resto do mundo occidental, era só un punto de cor no mapamundi, iso cando nos preocupábamos de mirar ao Caribe, que nada que non fora Cuba nos chamaba a atención.


A xente da rúa, polo menos, poida que non recorde que Haití xa estaba devastado dende hai anos, que no 2007 ocupaba o posto 150 (de 177) no Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) calculado pola ONU¿Pero que non o souberan os nosos políticos? Iso si que é delito. Unha axuda económica puntual non poderá nunca facer desaparecer problemas sociais e políticos que sofre o país. E parece que se nós sabemos iso, non nos importa o máis mínimo. Haití era, é, e seguirá sendo a pesar das axudas que agora solidariamente doamos, un dos países máis pobres non só do continente americano, senón do mundo enteiro. As ONGS que ata o momento traballaban alí sen case posibilidades seguirano facendo só mentres podan e é que as axudas económicas da Nai Europa non son inesgotables. Os centos de miles de euros destinados á illa pasarán a ser un mero recordo nuns meses, no momento en que non haxa máis imaxes que retransmitir, máis berros desesperados dos que perderon aos seus fillos na catástrofe. E a nós daranos o mesmo porque xa non terá importancia, nós xa fixemos todo o que puidemos, xa doamos para o telemaratón de Antena3, agora que se apañen eles. É o conto de sempre. O que non sae nos medios non existe. Sabemos que Afganistan non está aínda en paz porque cada cinco días hai un atentado que nos recorda que alí seguen a morrer de fame e de pobreza. Outro tanto pasa con Somalia, ¿importáballe a alguén o corno de África antes de que os barcos que faenaban no Índico estiveran ameazados polos piratas?. E así os exemplos poderían ser centos, millóns de persoas que viven na pobreza e dos que nós ignoramos, deliberadamente, a súa existencia.


Os medios de comunicación, aqueles que xurdiron para dar a coñecer o mundo aos cidadáns, para manternos informados, na actualidade xa en tempo real, do que sucede, para unirnos e non para vender o noso tempo ás axencias publicitarias, son en gran medida culpables desta onda de noticias, máis macabras que solidarias, se o pensamos en profundidade. Pero non sexamos inxenuos, a culpa non é só dos medios, todos temos a nosa parte da que sentirnos avergonzados, porque os medios están feitos por persoas coma nós. E nós, cando os medios deixen de falar de Haití, tamén deixaremos de pedir que o fagan.

lunes, 4 de enero de 2010

Pronóstico meteorolóxico: Nubrado con posibilidade de precipitacións de albóndigas

Quen diga que o cine de animación é só para nenos equivócase. E quen crea que só Pixar e DreamWorks poden producir cine de animación de calidade, engánase de novo. Este nadal estreouse Lluvia de albóndigas, producida por Sony Animation e Columbia Pictures, quen xa deron ao celuloide títulos animados como Monster House (2006), Colegas en el bosque (2006) ou Locos por el Surf (2007). As cores, as texturas, e a comida farán as delicias de quen se achegue a este filme cargado de albóndigas, acompañado ou non de nenos.


A vila de Aldaba de Mar ve como o seu futuro se estanca cando a súa inmensa produción de sardiñas é rexeitada polo mundo enteiro. Así, unha illa pequena, situada baixo a A de Atlántico (Océano) no mapamundi, teme que se achegue a tan temida reconversión industrial. Ata que sucede o inesperado, o incrible: O xenio chiflado, o odiado inventor local nunca recoñecido, o empollón maltratado por todos na escola, acaba de atopar a solución. Agora chove a comida máis deliciosa das nubes. De súpeto todos adoran a Flint. Sen máis nen máis Aldaba de Mar convértese en TragaAldaba, a cidade da comida que recibirá a centos de milleiros de turistas que reflotarán a súa economía. Pero as cousas nunca saen tal e como se planean e o desastre climatolóxico achégase a grandes pasos, o que sucede sempre que se xoga coa natureza.


Non só Flint, o inventor sen prestixio, o seu mono Steve, Sam e Manny, a reporteira novata enviada dende Estados Unidos a cubrir a noticia e o seu cámara sudaméricano, ou o corrupto alcalde son principais na obra. Todos teñen algo que engadir á trama, dende o icono da prosperidade sardiñeira da vila, ""Baby Brent" ou o tecnofóbico pai de Flint, que fará auténticas peripecias para enviar un correo electrónico que salve o mundo.


Todos podemos sentirnos identificados en certo modo con algún dos habitantes de TragaAldaba, e aínda que este non é un traballo de risas continuas, si que, ao rematar, nos deixa con bo sabor de boca, mentras nos fai meditar sobre a desmesurada avaricia, o super-consumismo ou non perder nunca a ilusión de que se cumpran os nosos soños máis profundos.





domingo, 3 de enero de 2010

Believe


"There has to be something hearing us up there, but never, ever, pay attencion to people who claim themselves for themselves. If you want something for you, get up, fight and serve yourself".

(Coñecido a través de Träne)








["Ten que haber algo escoitándonos aló enriba, pero nunca, nunca, presta atención á xente que lle pide para si mesma. Se queres algo para ti, levántate, pelexa e sérvete ti mesmo"]