domingo, 25 de abril de 2010

Pirámide invertida


-->
Quen? Onde? Como? Cando? e o peor de todo, por que (nós)? Non hai respostas (nunca has vai haber). A pirámide invertida nunca serviu de nada. Nin vai servir. Agora que nola queren arrebatar, reivindicamos o seu valor intrínseco. Ese que nunca crimos certo e sempre consideramos un corsé. Somos así. O conto nunca remata e volve sempre ao mesmo inicio. Queixámonos de vicio. E logo, cando cumplen as nosas reivindicacións (á fin!) queremos volver ao sinxelo. Ao que nos resultaba tedioso pero nos protexía da verdade, do frío que vai fóra. E fóra vai moito frío. Por moito que nunca nolo quixeran dicir nós tiñamos que telo adiviñado polo encarnado do seu nariz cada vez que entraban de volta á calor do fogar. Frío. Fóra vai demasiado frío. E agora, diaños, quedamos (buscamos quedarnos) sen aquelo que nos protexía, dunha maneira case mística, del. Pura natureza humana, supoño.

sábado, 17 de abril de 2010

¿Quen dice que é e que non é?

Se hai algo que me desconcerte da época na que vivimos, na que eu mesma vivo, é a dualidade entre o socialmente aceptado, o que se considera "popular" (no sentido de que o consumen "as masas") e o que se supón que tes que consumir se pertences ás clases (culturalmente falando) altas.

Non entendo, non comprendo aínda, despois de tres anos de carreira, cal é o medidor que decide que pertence á categoría de cultura de masas e que á cultura de elite ou alta cultura. Se nos guiamos polo medio de difusión, o 99% por cento do que se consume é cultura de masas, queda moi pouco espazo para a alta cultura. Se pensamos no nivel cultural do que consume, dependerá da franxa de estudos e profesión, pero tamén esa xente prende, de cando en vez, o televisor. Así que ningunha destas variables fai proba. ¿Entón? ¿Que criterio usar?

Se hai algo que ademais de non entender non soporto é que a xente non vexa que non hai só brancos e negros. A maior parte da humanidade móvese entre os grises, e iso inclúe tamén os produtos culturais que consume. Un pode ser catedrático e aínda así ver La Noria de TeleCinco, por moito que logo en público probablemente o negue. E do mesmo xeito, alguén que non le máis que a Cuore pode ver, de cando en vez, documentais sobre animais exóticos. Creo na capacidade do ser humano para poder optar entre diferentes produtos sen menosprecio duns ou doutros.

Non teño nada claro, por último, quen decide que cando un produto, independente en orixe, pasa a ser coñecido, comentado e admirado por moitos se convirte en comercial(no sentido negativo da palabra). E polo tanto debemos deixar de velo, xa que iso nos fai perder parte de esa aura que nos rodeaba, que se expresaba polas nosas aficións culturais compartidas só con uns poucos máis.

Xuroo, por moito que o penso, non o entendo. Non son capaz. Co sinxelo que sería que cada un lera, vise, escoitase o que quixese sen pensar na imaxe cultural que transmite...