lunes, 17 de mayo de 2010

Volta ao natural: a revalorización da compostaxe doméstica en Galicia


Publicado orixinalmente o 13 de marzo de 2010 como práctica da clase de Xornalismo Electrónico e recuperado en relación á folga que os traballadores de Urbaser (a empresa encargada da recollida do lixo en Santiago de Compostela) manteñen dende hai máis dunha semana.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) xunto con Amigos da Terra reivindican publicamente a necesidade dunha maior concienciación e promoción da compostaxe e a reciclaxe en Galicia. Nun momento en que a sostibilidade e a ecoloxía preocupan á cidadanía atopamos na comunidade que as plantas de tratamento de residuos non dan abasto. Dende estas plataformas critícase abertamente o carácter obsoleto do modelo de incineración de SOGAMA na súa planta de Cerceda, un modelo que ademáis denuncian como deficitario economicamente. Non obstante, dende as mesmas asociacións ven como moi beneficiosos para a sociedade os proxectos de promoción da compostaxe doméstica xa levados a cabo dende as administracións galegas.

E isto da compostaxe, ¿que vén sendo?

A compostaxe, un proceso biolóxico no cal restos orgánicos, especialmente vexetais, se transforman ata converterse en humus, volvéndose aptos para funcionar como abonos de diversos tipos de cultivos e plantacións, está comezando a gañar adeptos en Galicia. Esta técnica , coas súas diversas variantes, é coñecida dende a antigüidade e foi empregada durante moito tempo no rural galego na agricultura de autoconsumo, pero agora, nun momento en que a cidadanía sente gran preocupación polo medioambiente e de controversia na adecuación dos modelos de xestión de residuos, as Administracións decidiron impulsar activamente o seu uso nos fogares galegos.

Aos beneficios que a compostaxe supón para a terra, tales como o aforro en abonos químicos e a mellora da estrutura do solo, engádese un valor ecolóxico. Separando en orixe os contidos orgánicos susceptibles de ser compostados (céspede, restos de poda, restos de alimentos...) redúcese a produción de lixo por habitante e tamén o gasto que para os concellos supón a súa recollida e envío ás plantas de tratamento. A compostaxe sería un método ideal de reutilización dos refugallos orgánicos se se alcanzase o número suficiente de usuarios, e sobre todo se se implementase a nivel industrial. Non obstante, polo de agora, en Galicia só as plantas de Nostián e Lousame empregan técnicas de compostaxe, que resultan insuficientes tendo en conta a cantidade de residuos producidos pola poboación galega. A isto hai que engadir a saturación que todas as plantas de tratamento de residuos da comunidade sofren neste momento.


Promocionando a compostaxe doméstica en Galicia

Mentres se busca solución aos problemas resultantes da xestión do lixo, dende as Administracións autonómicas e locais lévanse a cabo campañas de concienciación e promoción de reciclaxe e compostaxe a nivel individual.
A Consellería de Medioambiente e a Sociedade Galega do Medioambiente (SOGAMA), comezaron, xunto coas asociacións ecoloxistas Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Amigos da Terra, en 2007 un proxecto piloto de compostaxe doméstica no rural. Os resultados aportados polos técnicos especialistas de SOGAMA e das agrupacións ecoloxistas, foron positivos, demostrando que se reducía a produción de lixo e que o compost resultante era apto para as terras galegas. Hoxe en día aínda se seguen a levar a cabo iniciativas deste tipo, como a anunciada por SOGAMA o pasado 12 de marzo para a área da Mariña Lucense na que se instalarán 200 compostadores domésticos repartidos entre Lourenzá, Barreiros, Trabada e Alfoz.

Os concellos galegos tamén se sumaron a esta corrente e en Santiago de Compostela, dende fai un par de anos, é posible solicitar e recibir un composteiro e a información necesaria para instalar na horta ou xardín e comezar a producir abono de forma natural e sinxela. Ademais, nesta mesma localidade, levouse a cabo durante o verán do 2008 un proxecto de reinserción laboral consistente nunha planta de compostaxe na que se trataban máis de oito toneladas de materia vexetal ao día ao tempo que se ensinaba o oficio de compostador.

jueves, 13 de mayo de 2010

Maxia Nocturna

Só se pechas os ollos e cres...cando os abres é real...





Imaxe: Noria das festas da Ascensión, Santiago de Compostela. 12/05/2010
Cámara: Sony DSC-S600