lunes, 23 de agosto de 2010

Para sempre é moito tempo...

O amor tamén pode perecer debido aos excesos. A excesos tan banais como unha fame incombustible ou unha imaxinación demasiado vívida e inquebrantable.


Imaxe: N. en Moaña.

jueves, 19 de agosto de 2010

Felicidade

¿Eres capaz de explicarme en que consiste a felicidade sen usar para ilo conceptos e figuras retóricas que so son aplicables no teu contexto histórico e sociocultural? Non cho creo.


Yo me inclino por la herejía de Caín. Siempre dejo que el prójimo se vaya al diablo del modo que le parezca

(El Dr. Jekyll y Mr. Hyde. Robert Louis Stevenson)

martes, 3 de agosto de 2010

Agárrame eses xoguetes!

Todos crecemos e nos facemos maiores,e iso tamén lle sucede aos personaxes das nosas historias favoritas. Tamén eles crecen, teñen os seus primeiros amores e chegan á terceira idade aínda con ganas de aventuras (tal e como víamos en Up, (2009) de Pixar). E como a todos nos sucedeu, as afeccións cambian, cambia o tempo que adicamos á nosa familia, aos nosos amigos e aos nosos xoguetes.

Toy Story 3, a última película da saga da Disney/Pixar, recolle con gran acerto ese momento dramático en que o neno protagonista da serie, Andy, debe deixar a casa materna para comezar a estudar na Universidade, e na casa quedarán tamén os xoguetes cos que compartiu anos e anos de aventuras sen límites, tal e como vemos na secuencia inicial do filme e nos dez primeiros minutos da cinta en que se nos pasan videos caseiros de Andy agarrado firmemente a Woody e Buzz. Co paso dos minutos iremos coñecendo novas personaxes e lugares que cobrarán importancia, e incluso centrarán algunhas das tramas, segundo se vai desenvolvendo a acción. Así será como se nos presente o máxico momento en que Barbie e Ken sentiron o dardo de Cupido cando os xoguetes, por obra da man do Destino, acabaron na gardería Sunnyside.


Barbie e Ken coñecéndose (esquerda) na gardería Sunnyside (dereita)

O filme podería levar o subtítulo de "a gran evasión" xa que, como nas anteriores entregas, o núcleo da historia radica en intentar volver a carón do amigo máis fiel que ata o momento tiveran estes xoguetes e o máis importante, regresando sempre todos xuntos. Non obstante, nesta ocasión, a escapada e o retorno veranse complicados ata os límites máis extremos, chegando case á compactación e incineración nun vertedoiro de residuos urbanos. A acción está asegurada dende os minutos iniciais, pero tamén o está o drama da separación, o dano psicolóxico que o abandono pode representar nos seres máis queridos e o paso á adultez.


A distrubuidora escolleu neste caso presentar a película tanto en sistema analóxico e dixital como en Disney Digital 3D, o seu sistema patentado para imaxes en tres dimensións. A versión en tres dimensións ten unha calidade exquisita e nalgúns momentos, especialmente cara o final da cinta, nunha escena en que Andy xoga con unha meniña pequena, o adolescente parece case real, as súas mans e os seus cabelos poderían ser perfectamente os dun ser humano. Non obstante, e pese a conter moitas escenas de acción, o 3D non me parece estritamente necesario para este filme. É certo que ofrece uns efectos sorprendentes e realistas, pero, probablemente, a sensación interior e a carne de galiña lograríanse igual en dúas dimensións. Ademais, non sei se me pasou só a min por usar lentes, en certos momentos sentín cansanzo e dor de cabeza mentres vía o filme, o que non sei se é normal cando se trata dun traballo en tres dimensións.


En resumo; a saga que comezara coa historia dun vaqueiro de xoguete que tiña unha cobra nas botas aló por 1995, segue de plena actualidade e ten en Toy Story 3 un broche de ouro para rematar a nenez de Andy e con elo encumbrar aos seus creadores. ¿Haberá unha cuarta?, iso nunca se sabe, é certo que a galiña dos ovos de ouro ten que deixar de poñer nalgún momento, pero poida que Disney e Pixar non pensaran aínda en botala na sopa...


Bonus: Night&Day é un corto moralista e inxenioso que se pasa antes do filme e que, tanto técnica como emocionalmente, é tamén unha delicia.