domingo, 8 de noviembre de 2009

Infancia tecnolóxica

Cando eu era cativa o neno máis tecnoloxizado era aquel que tiña un ladrillo de gameboy en branco en negro. Así que foi pasando o tempo, apareceu a versión en cor, moito máis pequena e versátil. Pero aínda así fomos moitos os que non tivemos ningunha, que xogabamos con ela grazas á xenerosidade dos nos compañeiros e amigos. Eu nunca tiven tampouco unha desas videoconsolas que se enchufaban ao televisor, a única á que xoguei era do meu primo maior e vagamente creo recordar que era unha Sega que funcionaba aínda con cartuchos. Aquelo sería a mediados dos '90... dende ahí os meus primos pequenos foron mercando máquinas máis potentes e con máis posibilidades. Eu só as cheguei a ver na súa casa, nunca chegaron á miña. A min todos os nadais regalábanme libros que eu devoraba con avidez. Non botei de menos nunca ningún desos aparatos, non me facían falla para entreterme.

O meu primeiro ordenador de mesa funcionaba en MS-DOS, era de cuarta man e o pobre soportou que trasteara con el polo menos un par de anos que seguro que se lle fixeron moi longos tratándose de min. Traballar co procesador de textos, coa calculadora e co Paint (se non me traizoa a memoria) era o máis emocionante que eu sabía facer. Hoxe a miña prima máis pequena, que ten trece anos, ten un ordenador de mesa, probablemente tamén un portátil, máis de unha videoconsola portátil, unha longa lista de videoconsolas de salón, un móbil de última xeneración, unha cámara de fotos dixital, acceso a internet na casa e perfil en máis dunha rede social...


O meu primeiro teléfono móbil chegou aos quince anos. Só me deixaba facer chamadas e recibir e enviar mensaxes. Foi case máis un castigo ca unha bendición. Era a miña responsabilidade telo aceso para que meus pais puideran saber onde estaba. Nunca lle din máis uso que chamar a miña nai para decirlle que estaba chegando á casa cando a miña hora de volta eran aínda as nove da tarde. Aínda hoxe, tras cambiar de teléfono dúas veces por necesidades técnicas teñoo sempre tirado no fondo dalgunha mochila, co son silenciado e case sen batería. Empregoo só para chamar á casa e contarlle a meus pais como me vai a semana. Nadia ten tamén trece anos e fai polo menos catro que teño o seu número. A ela tamén a obrigaron a ter un móbil para estar en contacto coa súa nai, case nen o usa. Pola contra, Lucas, cos mesmos trece anos xa cambiou de teléfono unhas cinco ou seis veces dende que o coñezo. Cada vez que o vexo preguntame se eu xa cambiei o meu. Que se está vello, que se estou feita unha carca... El e máis eu non podemos ser máis opostos no seu uso. Eu deixoo tirado en calquera esquina, el non o apaga nin á hora de durmir. Lucas ten tamén un perfil nas redes sociais, chatea conmigo a menudo e atopámonos máis no Tuenti ou no MSN que en persoa. Estanos podendo o contacto cibernético.

Helena ten só nove anos e envíame correos electrónicos polo menos unha vez á semana dende a súa propia conta de Hotmail. Fai xa tempo que ten unha cámara de fotos dixital e este verán regaláronlle unha nova de 1o megapixeles. A miña primeira cámara dixital compacta foi emprestada, roubáballa a meu pai cando el non a precisaba, non sei cantos megapixeles tería pero só permitía darlle ao obturador. A segunda, a que aínda teño, ten tres anos e de tanto empregala as véces xa nin sae o obxectivo. Helena non fai practicamente fotos, pero sabe que ten a súa cámara para poder subir os seus primeiros planos a Tuenti, Fotolog ou Facebook en canto teña (se é que non ten xa) unha conta.


Non vou a decir que a tecnoloxía é mala cando sei que eu comecei a usala sendo relativamente nova, e é que a conexión a Internet, vía liña telefónica, chegou á miña casa cando tiña catorce ou quince anos. Das miñas amigas fun das primeiras en bucear pola rede, en ter correo electrónico, un blog ou unha conta nun foro de discusión. Non obstante, pese a que eu tamén entrei no mundo da tecnoloxía sendo nova, ás veces entristéceme pensar en todos esos nenos que agora non saen ao parque porque o verde do campo de calquera xogo da PlayStation 3 é máis brillante, que non baixan á praza a falar porque é máis cómodo usar os emoticonos do messenger, e que saben da vida dos seus amigos a través do Twitter, do Facebook, do Fotolog ou do Tuenti. Non é só que crea que están perdendo unha das cousas máis preciadas que temos cando estamos crecendo, a infancia. Non. Preocúpame tamén esa precocidade no uso tecnolóxico debido a que con doce anos non coñeces, casos excepcionais haberá, os límites entre o público e o privado. O perigo que un mal uso de Internet pode xerar, as consecuencias que pode ter deixar todos os teus datos nun perfil totalmente aberto dunha rede social mundial é na maior parte descoñecido e nunca mencionado nas mensaxes públicas no tablón dos teus contactos. Non tes consciencia de que todo o que fagas, digas ou publiques en Internet quedará ahí per saecula saeculorum e repercutirá no teu futuro ao mellor non tan lonxano.


Non creo que limitar a idade de uso de según que gadgets e tecnoloxías sexa a solución. Pero si vexo moi necesario que os pais pasen máis tempo cos seus fillos, que os saquen a pasear, a ver as bolboretas, as vacas ou os cabalos e non só a través do Discovery Channel. Que os rapaces sigan saíndo ao recreo co seu bocadillo, de chorizo, de nocilla, igual me dá, a xogar ao balón ou á pita. A tecnoloxía é útil se se fai uso razonable dela. Non podemos criminalizar a Internet polo que está a suceder hoxe no mundo sen pensar que a rede é creada e empregada polos usuarios.

Antes os nenos viñamos ao mundo cunha bola de pan baixo o brazo, hoxe nacen con un disco duro externo de 500 Gb... ás veces preguntome se tanta evolución tecnolóxica e tanta pantalla plana é boa cando de criar ás futuras xeracións se trata.