sábado, 6 de febrero de 2021

Reflectar

Imos (pola vida) tan axiña, con tanta velocidade, que cando paramos cremos morrer. Recibimos tan forte golpe á nosa inercia que nos fai sangralo nariz e nos deixa sen pulso. 

Por iso cada vez que nos atrevemos a deter ese bólido que é a nosa humanidade trememos, transpiramos e cremos ver dobre. Multiplícanse as pantasmas que non nos deixan durmir, amontónansenos esas débedas que non se poden pagar con cartos. 

Mais nada diso é tal. Todo é froito da nosa ignorancia. Descoñecemos a quen vive ben dentro de nós. Daquela, cando nos detemos, aínda que só sexa un segundo, enfrontamos quen somos. Para ben ou para mal. Estamos dispostos a mirarnos nese espello? Temos o que hai que ter para enfrontarnos a quen nos devolve un sorriso maníaco?

O que fagamos nesa pausa, nesa rebelión contra a voráxine da modernidade será o que determine o noso futuro, os nosos seguintes azos na vida.

E nese intre, máis ca nunca, tamén nos preguntamos se todo isto mereceu a pena.