viernes, 23 de enero de 2009

Acudir a un velorio galego nunca foi tan sinxelo

12/01/2009


Vostede non é de por aquí, non coñece todos os requisitos que é necesario cumprir para presentar os seus respectos a un finado en Galicia. Non se preocupe, sempre está a tempo de aprender, estamos para axudarlle. Teña en conta, iso si, que o tamaño e localización das poboacións nas que se enfrontará a ese lance que é a morte dun galego será un dos riscos que máis inflúan no comportamento que debe amosar.

O primeiro que debe saber é que en Galicia calquera reunión de xente da parroquia pode converterse non nunha festa, pero case nun aperitivo. En situacións de tal calibre como a morte, e se o falecido era boa xente, ou senón tamén, probablemente o primeiro que atope sexa un tanatorio cheo de veciños ansiosos de novas. Este grupo de coñecidos do finado gusta de coñecer todo tipo de historias, a poder ser escabrosas, da vida comunal. Adoran os contos; saber quén casou con quen, quen moveu os marcos da finca que lindaba coa súa ou cal foi a rapaciña que marchou vivir á cidade co mozo. Non se asuste, vostede estará preparado para enfrontarse a toda esa turba ansiosa de noticias.

O protocolo dun velorio inclúe unha serie de pasos que non deben esquecerse e cuxa orde é moi importante. Nada máis entrar debe saudar con brevidade e seriedade a todos aqueles que se cruce camiño da sala do cadaleito. Non é o momento aínda de intercambiar chismes. Unha vez logrou esquivar á maior parte dos presentes e chegar á sala onde agarda a familia deberá, con gran seriedade, transmitirlles o seu pésame. A fórmula máis usual é un conciso “acompáñoo no sentimento”. Se vostede é crente o máis habitual é rezar unha pregaria pola alma do falecido diante do cadaleito. Se este non é o seu caso pode saír da sala, mais recorde deixar na mesiña da entrada a súa tarxeta de visita ou asine o libro que alí amablemente situou o persoal do tanatorio. Este é quizais o paso máis importante de todo o ritual pois deste xeito non só os parentes do finado, senón toda a parroquia, poderán saber que alguén acudiu ao funeral en representación da súa familia.


Enfrontarase agora á situación máis inestable que atopará esa tarde, terá que entender, aceptar, soportar e colaborar coa tradición máis arraigada nas reunións sociais galegas: o “dime dime”. Coñecer a vida dos veciños é a preferencia máis xeneralizada á hora de cubrir o oco entre a visita á familia do finado e o enterro na igrexa. Os temas máis tratados son aqueles que conteñen algún tipo de segredo, problema de herdanzas e partillas ou vodas concertadas. Só con escoitar e poñer cara de asombro, incluso de indignación, poderá saír ao paso dos comentarios. Se de verdade quere introducirse no grupo debería ter preparada de antemán algunha frase como “Pois érache de boa familia....”, “xa se sabe, de tal pau....”...ou similares. Aquí a creatividade é sempre ben recibida, sobre todo se vostede ten tamén algunha historia propia que ofrecer.

A tensión dos actos fúnebres case rematou, o único que lle queda é asistir ao espectáculo que o párroco da comunidade dará mentres predica sobre a esperanza do cumprimento da vontade de Deus. Segundo a época litúrxica en que se celebre a cerimonia leranse uns fragmentos ou outros dos libros sagrados pero a mensaxe será sempre a mesma: Deus é grande e a súa vontade acaba por cumprirse, tarde ou cedo, pero sempre se cumpre. A proba máis evidente será o cadaleito que presida a misa. Non dubide, de todos xeitos, que namentres os veciños repiten os salmos, existirá algún grupo que fóra, ou poida que dentro, da igrexa siga comentando as últimas novas da parroquia. Todo finalizará cando se cubra o nicho no que descansará, seos murmurios lle deixan, o falecido.

Despois de todos estes trámites vostede regresará á súa casa e retornará á súa vida normal, mantendo un recordo quizás entrañable, polo absurdo que é para os estranxeiros, dos ritos funerarios galegos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario