jueves, 5 de marzo de 2009

Cambiarás de muiñeiro...

Somos novos, din que a forza do cambio. Soñamos, proclamamos en voz ben alta os nosos ideais dun mundo máis xusto. Pero, en xeral, pertencemos a esa caste dos indecisos. Os nados a fins dos anos oitenta temos vivido o suficiente como para saber o que non queremos, pero fáltanos a experiencia necesaria para discernir, entre tanto blablabla político, quen minte un pouco menos.

A televisión, os xornais e a publicidade desinfórmannos con todas esas mensaxes contraditorias que nos ofrecen a diario. Mentres nos exaltan as virtudes dos grupos políticos maioritarios en cada seu espazo electoral, véndenos un aparato de ximnasia para lograr uns abdominais de ferro ou unhas pernas de infarto. Deste xeito, ¿como diferenciar unha campaña política dunha estratexia puramente publicitaria, encamiñada a que flúan os nosos cartos cara as súas contas bancarias?. A nosa confusión ten, dende logo, moita lóxica.

Aos desta xeración o de correr diante dos grises quédanos un pouco lonxe, pero fomos nós quen nos manifestamos durante o afundimento do Prestige, contra a guerra en Irak ou os incendios dos montes galegos no verán do 2006. Contra din os nosos pais acerca da desmobilización xuvenil, aseguramos que non é falta de interese político. O que nos afecta é o sentimento desegradable de que as plataformas existentes non nos representan como deberían. É certo que moitos mozos galegos teñen ben claras as súas intencións políticas, e polo tanto o seu voto. Pero tamén existimos aqueles que non temos a capacidade de ver valores humanos detrás dunha xestión irresponsable por parte dos gobernos que nos representaron ao longo da nosa curta historia.

Haberá quen nos chame escépticos, desencantados, chaqueteiros, ou asegure que non vivimos no mundo real. Pero a experiencia política dos nosos case vinte anos de existencia só nos deixou unha cousa en claro: cambiarás de muiñeiro, pero non de estafador...

No hay comentarios:

Publicar un comentario