Haití está devastado, eso sabémolo ben, a todas horas os medios nos bombardean con datos sobre o tráxico final do terremoto da semana pasada. Xa somos capaces ata de ver en GoogleMaps a nova fisionomía do terreo, cando aínda quedan centos de corpos baixo os cascallos parece máis macabro do que xa é.
Que sinxelo é moralmente dar agora cobertura mediática á illa, analizar as causas do terremoto, temer que sexa froito do quecemento global e doar miles de euros dende Europa recadados en telemaratóns solidarios. Só con iso quedamos ben contentos con nós mesmos. Somos os bos, os europeos que están aí para solucionar os males dos pobriños haitianos. ¿Pero que pasou en Haití entre a situación de excepción de 2004 e o movemento de terras deste xaneiro?¿Onde estiveron os nosos políticos, aqueles que representan a voz da cidadanía, nese tempo? ¿Alguén sabía algo de Haití se non estaba involucrado directamente coa illa? Haití non existía nos medios, non existía para ninguén que estivera a máis de 600 quilómetros da illa. Para nós, o resto do mundo occidental, era só un punto de cor no mapamundi, iso cando nos preocupábamos de mirar ao Caribe, que nada que non fora Cuba nos chamaba a atención.
A xente da rúa, polo menos, poida que non recorde que Haití xa estaba devastado dende hai anos, que no 2007 ocupaba o posto 150 (de 177) no Índice de Desenvolvemento Humano (IDH) calculado pola ONU¿Pero que non o souberan os nosos políticos? Iso si que é delito. Unha axuda económica puntual non poderá nunca facer desaparecer problemas sociais e políticos que sofre o país. E parece que se nós sabemos iso, non nos importa o máis mínimo. Haití era, é, e seguirá sendo a pesar das axudas que agora solidariamente doamos, un dos países máis pobres non só do continente americano, senón do mundo enteiro. As ONGS que ata o momento traballaban alí sen case posibilidades seguirano facendo só mentres podan e é que as axudas económicas da Nai Europa non son inesgotables. Os centos de miles de euros destinados á illa pasarán a ser un mero recordo nuns meses, no momento en que non haxa máis imaxes que retransmitir, máis berros desesperados dos que perderon aos seus fillos na catástrofe. E a nós daranos o mesmo porque xa non terá importancia, nós xa fixemos todo o que puidemos, xa doamos para o telemaratón de Antena3, agora que se apañen eles. É o conto de sempre. O que non sae nos medios non existe. Sabemos que Afganistan non está aínda en paz porque cada cinco días hai un atentado que nos recorda que alí seguen a morrer de fame e de pobreza. Outro tanto pasa con Somalia, ¿importáballe a alguén o corno de África antes de que os barcos que faenaban no Índico estiveran ameazados polos piratas?. E así os exemplos poderían ser centos, millóns de persoas que viven na pobreza e dos que nós ignoramos, deliberadamente, a súa existencia.
Os medios de comunicación, aqueles que xurdiron para dar a coñecer o mundo aos cidadáns, para manternos informados, na actualidade xa en tempo real, do que sucede, para unirnos e non para vender o noso tempo ás axencias publicitarias, son en gran medida culpables desta onda de noticias, máis macabras que solidarias, se o pensamos en profundidade. Pero non sexamos inxenuos, a culpa non é só dos medios, todos temos a nosa parte da que sentirnos avergonzados, porque os medios están feitos por persoas coma nós. E nós, cando os medios deixen de falar de Haití, tamén deixaremos de pedir que o fagan.
No hay comentarios:
Publicar un comentario