Mostrando entradas con la etiqueta universidade. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta universidade. Mostrar todas las entradas

viernes, 10 de diciembre de 2010

O problema de sobrepasar o 130 e non sabelo

Reportaxe realizada orixinalmente para a asignatura "Xornalismo Especializado" (Universidade de Santiago de Compostela) en maio do 2010. O proceso de documentación e serie de entrevistas levouse a cabo conxuntamente con Belén Castro e Alba Lago.

Máis do dous por cento da poboación mundial posúe altas capacidades intelectuais. Esa é a porcentaxe aproximada dos que se atopan na vertente dereita da Campá de Gauss, dos que se consideran fóra da desviación típica media. A Campá de Gauss adoita servir para exemplificar como funciona a distribución normal dunha característica específica entre os membros dunha mostra determinada. Neste caso a media do Cociente Intelectual (CI), a intelixencia típica, está marcada por estándar en 100. Os que alcanzan, ou sobrepasan, o 130 reciben a denominación de “superdotados”, e son aproximadamente ese dous por cento das estatísticas. Pero a realidade di que a maior parte das persoas con altas capacidades intelectuais permanece oculta á vista pública, sen ser nunca recoñecida por profesionais como o que é: superdotada. A comprobación desta característica resulta ser un asunto tecnicamente complicado. Non é, como se acostuma pensar, só pasar un test de intelixencia, demostrar que existe capacidade de asociación para seleccionar a figura correcta nunha serie de formas xeométricas. No momento actual na nosa comunidade, tanto dende os gabinetes psicolóxicos privados como dende os Equipos de Orientación Específicos (EOE), –un órgano dependente da Consellería de Educación especializado en dar soporte aos colexios e institutos galegos en materia de intervención e axuda psicopedagóxica- inténtase apostar por un modelo integral na detección de altas capacidades intelectuais que inclúa a creatividade, os hábitos de traballo e a motivación, e, por suposto, a capacidade intelectual que cualifican as probas de CI. O Modelo Renzulli racha cos típicos tests de intelixencia, pero a pesar de que xa en moitos casos se emprega, o resultado segue a ser o mesmo: non se alcanza a diagnosticar a ese dous por cento. Mais non só Galicia sufre de falta de detección de persoas -especialmente grave é o caso dos nenos- con altas capacidades intelectuais, toda España está acusando a perda de potencial intelectual, a fuga de cerebros non é hoxe unha realidade allea ao contexto nacional, máis ben é unha tara da que profesores, psicólogos e familias se queixan cando se fala de superdotación. Ante a pregunta de “¿Por que non se recoñece a ese dous por cento a realidade das súas capacidades intelectuais?” as respostas son variadas, pero todas inciden nalgo común: os problemas máis graves están na detección e identificación.

A fórmula máxica: formación, recursos e protocolo

A identificación de nenos e adolescentes superdotados é de por si complexa por tratarse dun momento complicado na súa formación como persoas, tanto emocional como intelectual, pero aínda así, é nestas idades cando máis beneficioso para a persoa resulta descubrir que ten altas capacidades, dese xeito poderá desenvolverse intelectual e emocionalmente de acordo ás súas necesidades específicas.

Pero a diagnose da superdotación non é sinxela e dende diferentes colectivos implicados no tema asegurase que o problema máis destacado para realizala correctamente está na formación. Na de orientadores e profesores. Algúns orientadores confirman que a súa formación no tema da superdotación se debeu ao propio interese, a ser, dalgún xeito, autodidactas. Pero estes casos, admite Rubén Silva Loureiro, pedagogo pertencente á Asociación de Pedagogos de Galicia (APEGA), son os menos. Rubén sinala, tal e como o fai Carmen Pomar Tojo, Directora da Unidade de Investigación e Estudos sobre superdotación da Universidade de Santiago de Compostela (USC), que o único contacto que moitos futuros orientadores terán coa temática das altas capacidades intelectuais está no temario de oposicións, nun só tema, que pode nin chegar a saír no seu exame. Mesmo na carreira non se trata directamente a superdotación, asevera o pedagogo. Carmen, que tamén imparte clases na Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela, sinala directamente, que nos plans de estudo adaptados ao Espazo Educativo Superior Europeo non hai unha materia específica sobre sobredotación e se este contido se engade é en base á vontade de cada un dos profesores.

Non obstante, a falta formación non é o único problema ao que se enfrontan os profesores e orientadores á hora de detectar a presenza de nenos con altas capacidades intelectuais nas súas aulas. Dende o propio Equipo de Orientación Específico da Xunta de Galicia sinálase unha gran falta de recursos humanos e técnicos para cubrir as demandas de todos os colexios de Galicia. Neste momento existe un destes equipos en cada provincia, formado cada un deles por unha persoa. Isto non resulta suficiente se comparamos o número de alumnos de educación obrigatoria de cada unha das provincias: o 80% dos estudantes de primaria e secundaria están repartidos entre A Coruña e Pontevedra. O 20% restante atópase dividido entre Lugo e Ourense. Debido a esta falta de recursos a resposta directa destes equipos externos aos colexios é en moitas ocasións máis lenta do que sería psicoloxicamente recomendable para o alumno. Porque non se debe esquecer en ningún momento que o proceso de detección da superdotación inflúe, para ben ou para mal segundo se desenvolva, nos nenos.

Dende o Equipo de Orientación Específico da provincia de A Coruña resáltase un último piar onde se debe, aínda que polo momento non se fai, afianzar a detección das altas capacidades: un protocolo de análise común. Hoxe en día a falta dunhas normas establecidas que permitan establecer unhas rutinas de detección estandarizadas é outra das grandes eivas que sofren en primeira persoa aqueles que teñen altas capacidades. En cada centro as probas de capacidade intelectual realízanse dun modo diferente, o que pode levar a diversos resultados para un mesmo neno dependendo do tipo de tests que se apliquen. Isto non fai senón complicar un proceso que de por si é laborioso e esixe gran dedicación. Luís Rodríguez Cao, o especialista en sobredotación intelectual do EOE da Coruña, afirma rotundamente, que pese a que existe comunicación directa entre os catro equipos galegos, e polo tanto aplican procedementos similares, a necesidade dun protocolo xa está a ser debatida na Xunta de Galicia, pero aínda non hai ningún avance significativo, polo de agora non existe, por tanto, un protocolo común formal para detectar aos rapaces con sobredotación. Tanto Rubén como Carmen ou Luís, non obstante, coinciden nun punto crítico sobre estes protocolos: debe tratarse en todo momento de “protocolos de mínimos” xa que o que se busca con eles é un funcionamento coordinado entre orientadores, colexios e EOE’s, pero coa suficiente liberdade e flexibilidade como para poder adaptarse ás necesidades específicas de cada alumno, evitando que o que ía ser unha mellora da situación se converta nun “corsé”.

A fórmula do éxito na avaliación e correcta educación dos nenos aos que se lles presupoñen altas capacidades intelectuais parece sinxela: formación dos orientadores+recursos técnicos e humanos+ protocolo común. Pero os feitos demostran que lograr identificar a ese dous por cento da poboación non é tan doado como semella.



Crecer sen saber o bo que es

Está claro que as fórmulas máxicas funcionan en poucas ocasións, case en ningunha. E se como é o caso galego, no que aínda non existe ningún protocolo común, por moito que as leis conteñan o presuposto de que cada colexio debe ter unha folla de actuacións para as necesidades especiais dos seus alumnos, a situación non pode mellorar da noite á mañá. Isto sábeno de primeira man moitos pais de alumnos e alumnas da educación obrigatoria galega que sufriron, e están a sufrir, as dificultades que se presentan á hora de identificar a capacidade intelectual dos seus fillos.

Os casos de colexios nos que os orientadores se negan, tácita ou explicitamente, a aceptar que algúns dos alumnos que se lles remiten poidan ser superdotados non son estraños na nosa xeografía. Os motivos que se alegan dende os centros educativos poden variar, algúns pais de alumnos potencialmente superdotados teñen oído cousas como “O colexio ten moitos problemas con outros nenos como para preocuparse destes” (referíndose a dúas nenas ás que xa se lles recoñecera dende o Equipo de Orientación Específico a sobredotación). Os pais que sofren a negación dunha atención específica aos seus fillos consideran que un dos grandes problemas aos que se deben enfrontar non é o outro que á sociedade e ao concepto que nela se ten da sobredotación intelectual. Segundo eles, é común pensar que como un rapaz ou rapaza é superdotado non precisa de axuda á hora de estudar, crese que vai saber todo sobre calquera tema que se lle presente polo simple feito de ter unhas capacidades de aprendizaxe maiores que as dos seus compañeiros.

Un destes pais, Octavio, quéixase abertamente de que dende os colexios nos que as súas fillas estudaron se prestaba unha maior atención aos alumnos que sofren deficiencias –algo que considera moi positivo e, dende logo necesario- que aos que son superdotados. Octavio cre que este é un dos principais puntos que debe cambiar, na súa opinión debe entenderse que a sobredotación intelectual conleva tamén unhas necesidades específicas na educación. Unhas necesidades que el non ve cubertas, en xeral, polo sistema educativo galego. Pero non é el o único pai que tivo que sufrir lentos e infrutuosos procesos, nos que máis semellaba que loitara contra o colexio, para lograr que se admitira a situación dos seus fillos e se puxeran en marcha as adaptacións necesarias para lograr mellorala. Tanto Berta como Ana pelexaron, e non só no sentido metafórico da palabra, con orientadores, profesores e pais de outros alumnos para que finalmente se levaran a cabo as medidas proxectadas polos Equipos de Orientación. Medidas que nalgúns dos casos chegaron tarde, foron insuficientes ou, directamente, resultaron mal aplicadas, dando lugar a máis dores de cabeza das que curaban. E é que, como Carmen Pomar puntualiza, en moitas ocasións o neno acaba sendo “un campo de batalla” no que dun lado tiran os pais e do outro os profesores, danando máis ao rapaz que axudándolle a comprender e asimilar as súas capacidades.

A cara e a cruz da moeda

Mais non todo son puntos negativos á hora de falar da superdotación en Galicia. Debe quedar patente que existen certas iniciativas, non procedentes do goberno autonómico iso si, que facilitan a vida, intelectual e social, dos nenos con altas capacidades intelectuais da nosa comunidade. E é que como ben resaltaba Jorge Mira, o encargado das admisións na asociación de superdotados MENSA na súa sección española, as persoas con altas capacidades son como calquera outro ser humano. Non se trata de extraterrestres nin dunha evolución superior da raza. Atopámonos ante nenos e nenas que xogan, se divirten e queren aprender, como todos. Por iso é tan importante que se rompa o tópico da falta de socialización que pode darse entre eles e o resto dos compañeiros, ou a presión e o acoso que poden sufrir dende o seu entorno escolar. Unha destas iniciativas punteiras en Galicia é a Asociación das Altas Capacidades (ASAC) que funciona como un proxecto de ampliación extracurricular para rapaces superdotados. Nesta asociación os nenos con altas capacidades teñen a oportunidade de socializar entre iguais mentres reciben cursiños sobre os temas que máis lles gustan (que poden ir dende a astronomía á arqueoloxía ou á arte contemporánea). Ao mesmo tempo os pais teñen acceso a grupos de apoio e a unha “escola para pais” na que os psicólogos da Universidade de Santiago de Compostela lles achegan consellos á hora de tratar as situacións específicas que se xeran no día a día dos seus fillos adolescentes.

Se ben esta asociación non é a única destas características que existe en España si o é na nosa comunidade, e dende ela, non deixa de pedirse que aumente a visibilidade da superdotación e das súas necesidades educativas, outro dos puntos clave desa fórmula máxica que, se fora realmente aplicable, faría que se cumprise a estatística do dous por cento da poboación con altas capacidades intelectuais.

jueves, 22 de julio de 2010

E despois da crise, ¿que?

Foro Internacional sobre Economía e Xestión da Comunicación: O novo panorama mediático

O Foro Internacional sobre Economía e Xestión da Comunicación organizado pola facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela reuniu o pasado 16 de Xullo a un nutrido grupo de poñentes internacionais que diseccionaron en profundidade a situación actual do xornalismo e a súa proxección no futuro. Os temas tratados abrangueron especialmente os recentes cambios que se viñeron dando nos últimos anos no mundo da empresa xornalística e a influencia que a crise económica está a ter na produción informativa. Non obstante, pese á sombría situación que afronta o xornalismo hoxe en día e a moitos dos riscos negativos que se destacaron da actual recesión económica, os poñentes, especialmente o Dr. Rosental Calmon Alves da Universidade de Texas en Austin (Estados Unidos) e o Dr. Timoteo Álvarez da Universidade Complutense de Madrid, non perderon o sentido do humor e achegaron reflexións cargadas de ironía e acidez que fixeron esbozar aos asistentes sorrisos de complicidade ao tempo que asimilaban as poñencias. A intensidade do encontro quedou patente tanto nos asistentes como nos convidados cando tras case doce horas de charlas se deu por finalizado o evento. Pese a que o 16 de xullo resultou ser un día longo o resultado foi o agardado, tanto os asistentes como os que sentaron trala mesa principal e os micrófonos se deron por satisfeitos e agradeceron ter a oportunidade de asistiren ao Foro.


A escolla de intervencións no Foro foi selecta e púidose contar con trece representantes de oito países diferentes que aportaron a súa experiencia nos medios de comunicación e no exercicio da docencia para achegar novas visións sobre o xornalismo do Século XXI e intentar aportar solucións para unha crise que, segundo Ramón Zallo, da Universidade do País Vasco, é tanto estrutural como coxuntural.

No Foro interviron (por orde cronolóxica)

O Doutor Miquel de Moragas i Spà , quen centrou a súa intervención sobre todo na importancia da investigación aplicada no campo dos medios de comunicación como maneira de resolver algúns dos problemas derivados da situación de crise. Esta crise, cando falamos dos medios de comunicación de masas, é un ciclo crítico que se retroalimenta, xa que, en opinión do catalán, se fomenta a dependencia de inversores privados e no momento en que o número de créditos para a industria comunicativa diminúe, tamén se reducen os gastos de produción, o que leva a peores contidos, o cal reverte negativamente especialmente nos consumidores.

A Doutora María Michalis (tamén presente nas redes sociais) centra as súas investigacións nas políticas europeas de comunicación e na situación de converxencia tecnolóxica que se está a dar hoxe en día e polo tanto artellou a súa explicación no Foro arredor da evolución das políticas de comunicación que se deron en Europa e na Unión Europea dende 1974, destacando principalmente o feito de que dende as institucións comunitarias o que se buscaba era potenciar o libre movemento de contidos, especialmente na produción televisiva, entre os diferentes países membros. Tamén se destaca da súa intervención que a Unión Europea en todo momento pretendeu, con medidas máis ou menos acertadas, combinar o recoñecemento á situación sociocultural europea e os intereses económicos dos países membros.

O doutor Ramón Zallo, Catedrático no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade do País Vasco e licenciado en Dereito e Economía pola Universidade Comercial de Deusto. Zallo é tamén autor de diversos libros sobre economía e política da cultura e da comunicación.A intervención de Zallo moveuse en todo momento arredor da implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e das últimas leis relativas ao audiovisual español, centrándose, por tanto, nun tema propio do seu ámbito de estudo. Na súa opinión, as leis de comunicación vixentes en España, froito do goberno socialista dende o ano 2004 ata a actualidade, son ante todo, desreguladoras e liberalizadoras, contravindo os presupostos do servizo público do que parten. A crítica do doutor quedou patente dende o primeiro momento, xa que expresou de viva voz que era contrario por principios a estas leis e que todos debían estar avisados dilo antes de escoitar os seus argumentos. Ao afondar na temática da Televisión Dixital Terrestre deu gran importancia ao feito de que as potencialidades deste novo tipo de emisións estaban sendo realmente desaproveitadas. Hoxe en día non se fai uso dos sistemas avanzados que a TDT propoñía, nas súas propias palabras queda claro que “Se sigue haciendo televisión tradicional pero con dos nuevos canales por cada emisor”. Nestes momentos realmente hai un exceso de oferta que non é absorbida satisfactoriamente polo consumidor. Non obstante, este exceso non é incompatible con un funcionamento oligopolístico protexido pola clase política, hoxe operan demasiadas empresas como para que a televisión en aberto permita obter beneficios. Outro dos grandes problemas que se trataron durante a exposición de Zallo foron os problemas que sufre e sufrirá o ámbito da radiotelevisión pública derivados das leis do audiovisual. Na súa opinión o que se logrou foi reducir o rol da Corporación de Radio Televisión Española, en parte debido ao seu novo sistema de financiación, que resultará deficitario a medio-longo prazo. A conclusión final que aporta o vasco é que as últimas leis do audiovisual español son “desreguladoras y liberales. Esto es una decisión política, no es un imperativo social ni económico.” Non obstante, Zallo non pecha a porta a algún resultado positivo no audiovisual de carácter público, iso si, di que será no ámbito das comunidades autónomas, nunca a nivel estatal.

O Doutor Germán Rey, a súa intervención tivo como eixo as políticas culturais e comunicativas levadas a cabo en América Latina, zona que el coñece de primeira man debido aos seus estudos sobre medios de comunicación no continente. O punto central desta exposición baseouse na idea de que “lo que hace falta en América Latina no son televisiones, radios o tecnología sino unir ciudades que habían estado rotas”. Segundo el mesmo dixo, dende as conversacións da Ronda Uruguay non existiu ningún tratado realizado por Estados Unidos no que se contemplara acultura como materia excepcional (como si se tivera en conta no ultimo tratado asinado entre Estados Unidos e a Unión Europea). Ademais, é de ter en conta que no continente americano as políticas culturais e comunicativas tenderon dos intereses socioculturais aos intereses económicos, dando lugar a que moitas das políticas culturais imperantes tiveran as súas orixes e primeiros impulsos nos movementos sociais antes que nos propios gobernos latinos. Non obstante, todos os gobernos de América Latina, e con eles todos os cambios de lexislaturas que se deron no tempo, tiveron consecuencias na organización das políticas comunicativas e neste panorama novo e cambiante apareceron novos desenvolvementos no campo comunicativo e cultural que se deron entre crispacións, tensións políticas e campañas mediaticas. Hoxe en día Latinoamérica vive nun marco de inestabilidade entre medios, goberno e cidadáns, e iso reflíctese nos comportamentos e actitudes dos cidadáns e tamén das institucións.

O Doutor Rosental Calmon Alves (a quen podemos atopar en twitter), que na actualidade é doutor en Comunicación pola University of Texas de Austin (Estados Unidos). É tamén director da Cátedra Knight en Xornalismo e da Cátedra UNESCO de Comunicación na mesma universidade. Alves foi director e fundador do Knight Center for Journalism in the Americas. Alves, na súa intervención, partiu da idea de mediamorfosis de Fiedler (1997) segundo a cal se seguiu un proceso de evolución lóxico dende os medios de comunicación de masas tradicionais aos novos medios dixitais, para opoñerlle o vocablo da súa propia creación: mediacidio (2001), ou a “muerte del sistema” de medios no contexto industrial e o nacemento dun novo sistema de medioscompatibles co mundo dixital. Un dos puntos máis importantes da súa exposición foi a “metáforado ecosistema” como explicación relativa ao cambio de xestión das estruturas das empresas decomunicación. Para cambiar a xestión hai que realizar modificacións en relación con contexto e coa situación do momento do ecosistema mediático en que está inserida a empresa. Na actualidade hai unha gran biodiversidade no mundo dos novos medios na que se pode dar unha gran relación simbiótica entre os diferentes medios e soportes. Pero para elo é necesario entender que unha rede de comunicación é un ecosistema que ten vida propia, como un ecosistema económico o biolóxico e tamén ter en conta que neste novo ecosistema se xeran novas relacións, como por exemplo o feito de que os medios de masas perden poder e control mentres os individuos conectados en redes crecen exponencialmente, tamén en poder e control. Quizás o máis revolucionario hoxe en día respecto dos medios dixitais é o feito de que, neste novo ecosistema, o receptor é, por primeira vez, un emisor con gran capacidade para crear. A empresa periodística ten que adaptarse a todos estes novos cambios, ante todo, a empresa comunicativa debe deconstruír para logo reconstruír de maneira dixital os medios tradicionais.

A Doutora Rosario de Mateo, pretendeu resumir na súa intervención as transformacións que teñen lugarna industria dos medios de comunicación partindo da idea de que os cambios se teñen que encadrar na propia transformación do modelo económico e social español. Estas modificacións están caracterizadas por factores tecnolóxicos, como a difusión dos contidos, políticos, por exemplo a liberalización da televisión, económicos, como a concentración empresarial e sociais como a elevación do nivel de vida ou a alfabetización dixital, que segue a ter como contraparte o incremento das brechas dixitais. Hoxe en día pódese sinalar que a situación dos medios de comunicación se caracteriza por unha revolución tecnolóxica, unha maior democratización en acceso e contidos, unhas políticas de comunicación que favorecen a liberalización do mercado audiovisual e, en definitiva, por unha gran indefinición.

Martín Becerra, coñecedor directo das industrias culturais de América Latina, amosou aos asistentesas diferenzas entre a configuración das mesmas en Latinoamérica e Europa Occidental ou Estados Unidos. Aínda que hoxe en día a situación das industrias culturais e comunicativas destas tres zonasson moi distintas, isto é estraño xa que ata non fai moitos anos as tendencias de América Latina e Estados Unidos eran similares, especialmente nos modelos comerciais. As diferenzas dos modelos latinos radican especialmente nos problemas propios de cada país, como por exemplo o tamaño dos mercados nacionais. Na opinión deste profesor os problemas básicos da cultura e a comunicación no continente americano radican especialmente na docilidade dos sistemas políticos, en que os actores mediáticos son actores comerciais (non hai gran presenza de medios públicos), na extranxeirización da propiedade e dos contidos dos medios latinos e nos oligopolios da telecomunicación.


A intervención de José Marques de Melo, ao igual que a de Becerra, centrouse especialmente na situación da comunicación no seu país, neste caso Brasil. Na súa opinión os problemas de comunicación de América Latina, e por tanto de Brasil, non son propiamente de comunicación, senón problemas sociais, económicos e políticos. Certamente, a excepción de Brasil e México, América Latina é o continente onde menos se inviste en publicidade. Ademais, Brasil presenta certas características propias como a polarización económica e social, que xera estilos comunicativos moi diferenciados entre o urbano e o rural. Así a folkcomunicación dun Brasil máis arcaico e socialmente discriminado oponse ao extremo da alta tecnoloxía e dos seus modos de comunicación. No Brasil de hoxe en día as comunidades marxinais resisten fronte á tecnoloxización e os fluxos culturais dominantes mediante os seus riscos típicos como a danza, o baile e os iconos (exvotos).

O doutor Jesús Timoteo Álvarez, Catedrático de Historia da Comunicación pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), planteou como punto central a súa sección de estudo, xa que se tomou en conta especialmente a pregunta “¿E despois da crise que?” chegando á conclusión de que ata o momento as propostas posibles dende todos os ámbitos non resolven a medio prazo os problemas da industria comunicativa e cultural. Nas ´súas propias palabras hoxe en día “estamos viviendo la muerte de un mundo y de una cultura, la de la sociedad de masas”.


O doutor Octavio Islas presentou no Foro os resultados e variables sobre as que se estruturaba un estudoque se estaba levando a cabo en México para coñecer porque os cidadáns do país son ou non usuarios da Internet e que valoración lle conceden a este servizo. As variables empregadas abranguían dende o lugar onde se usaba a Internet ata os efectos sociais que tiña o seu uso.


A intervención do Doutor Mariano Cebrián Herreros tivo o seu punto forte na temática dos cibermedios e do futuro dos medios tradicionais, anticipando, como outros dos convidados que “la televisión es la próxima difunta, ya que todo se va reajustando y se va modificando el planteamiento”. Na súa opinión, o futuro do xornalismo dixital atópase nas plataformas de contidos, nas grandes agrupacións de medios e contidos. Os medios que, segundo Cebrián Hererros, se acumulan son os medios tradicionais (prensa, radio, televisión e cine), os cibermedios (a Internet como plataforma e rede de redes) e as redes de comunicación móbiles. Non obstante, o que máis falla fai neste momento son as ideas, xa que “quien tiene una idea tiene una mina”, despois xa só queda trasladalo a todas as pantallas posibles.


O eixo central sobreo que xirou toda a exposición do Doutor Elías Machado, foi o uso que se fai, ou non, das plataformas dixitais na ensinanza, no mundo empresarial e tamén no eido do xornalismo profesional. Na súa opinión, o reto actual está na innovación, algo que as escolas de xornalismo aceptan moi mal. Segundo a súa experiencia as innovacións non aparecen nas escolas de xornalismo, senón nas empresas, pero estas non sempre saben darlles os enfoques teóricos necesarios. O ideal é a multidisciplinariedade e, dende logo, unha boa dose de autocrítica, tanto dende as empresas como dende a Universidade.

A última conferencia da tarde foi a de Pablo Escandón, membro do Centro CIESPAL (Ecuador) e editor da revista latinoamericana de comunicación Chasqui. En xeral, o ámbito de investigación de Escandón está orientado ao xornalismo dixital e a todas as formas de comunicación na Rede. No peche de Escandón tentouse transmitir e explicar a función social e psicolóxica que hoxe en día cumpren as novas tecnoloxías no Ecuador. Así foi como para finalizar o Foro se falou do usod as novas tecnoloxías, no Ecuador especialmente o celular o teléfono móbil, dun xeito social e emocional, facendo funcionar os televisores e celulares como “tótems”. O risco definitorio desta función de categoría social vén dado polo dato de que incluso nas barriadas máis pobres do país en todos os fogares sempre se ten televisión de cor, teléfono móbil e equipo de son. As estatísticas asegúrano sen lugar a dúbidas, o teléfono móbil ten unha penetración do 99% respecto da poboación total. A Internet, pola outra banda, non ten esa función “tótem” da que se viña falando, e aínda hoxe en día, o seu uso é residual no Ecuador.

Para concluír podemos dicir que no momento actual o mundo da comunicación se atopa non só sumido nunha crise, que o está, xa que a situación económica global non deixa de afectar a este sector, senón que tamén se caracteriza por unha gran indefinición, como reseñaba De Mateo e por estar a vivir unha revolución. Hoxe non nos resulta estraño oír que se está a facer xornalismo nasplataformas e redes sociais da Internet. Non obstante, aínda xorden moitas dúbidas sobre a idoneidade destas novas canles e a preparación dos usuarios para xerar contidos que cumpran cos requisitos informativos necesarios. Tampouco é raro oír comentar que o futuro da televisión, especialmente no caso da radiotelevisión pública española, está hipotecado, se seguen a producir contidos analóxicos para a Televisión Dixital Terrestre. Pero o problema non afecta só ao sector público, a produción dos emisores privados para a TDT segue a ter unha calidade de contidos propia do pasado. As achegas que se fixeron durante o Foro tenderon todas a un mesmo punto: existe unha crise nos medios tradicionais, existen solucións que a medio-longo prazo non o serán. É necesario o cambio. É certo que existen iniciativas novidosas, que empregan os novos soportes e tamén os tradicionais de xeitos aínda non vistos. Pero con iso, tal e como se viu vendo, non chega. Non só se deben dar transformacións na parte tecnolóxica dos medios senón tamén na súa estrutura interna, nos seus modelos de financiación e, dende logo, nas persoas que crean os contidos e nas que os reciben.

No momento actual é posible comprobar que o poder das corporacións mediáticas, pese a seguir tendo un peso moi importante, está cedendo en parte o control á cidadanía. Aos grupos organizados de individuos que reclaman decidir eles mesmos sobre os contidos e a difusión. Isto é
síntoma de que os cambios que estamos a sufrir no mundo occidental non son só de tipo económico ou tecnolóxico, senón que tras eles se esconde unha vertente social que, especialmente aos xornalistas, non debería pasar inadvertida. Quizás o máis importante e necesario neste momento sería adecuar as ferramentas que xa se teñen aos contidos que se demandan, cumprir coas necesidades informativas da cidadanía, especialmente con eses grupos, que se viron amplamente reflectidos nas intervencións que fixeron os doutores latinoamericanos, que ata o momento non tiveran a representación necesaria nos medios tradicionais de comunicación de masas. O futuro está no dixital, iso está claro, pero tamén na segmentación dos públicos, o que deixa unha gran marxe ás iniciativas que a un tempo teñan en conta os intereses xornalísticos e sociais.