Mostrando entradas con la etiqueta noticia. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta noticia. Mostrar todas las entradas

martes, 24 de mayo de 2011

Necesitamos máis xornadas de reflexión (Andrea L. Lozano)

Estou fóra da casa, a tres mil quilómetros de onde se está intentando un cambio -pacífico- no noso sistema político. Non vou mollarme no tema neste momento, especialmente porque só podo seguir os sucesos a través dos medios, e non dende as prazas, como moitos dos meus compañeiros si o están facendo dende Santiago de Compostela, ou Barcelona, pero non por iso deixo de interesarme. E hoxe traiovos un grao de area, esta vez dende Santiago de Compostela e da man de Andrea L. Lozano, compañeira e xornalista.

lunes, 2 de mayo de 2011

Morto o can acabouse a rabia

Iso di o noso, tan mundialmente recoñecido, refraneiro popular. Cousa que non acabo de crer. Nin maneira de facelo cando o que morreu non foi un can senón unha persoa, para máis aquel unha icona do que dende os países do tan "evolucionado" occidente demos en chamar "terrorismo islámico". Se a todas horas nos enchemos a boca coa palabra "democracia", facendo alarde de xustiza, de igualdade (sen importar cor, sexo, relixión) e de liberdade (ei, outra ronda de termos case baleiros de sentido pero que enchen prazas) que maneiras son estas de actuar?. Entrar a tiros nunha casa (fortificada din en El País), liquidar todo aquilo que se mova dentro e logo guindar ao mar os cadáveres. Iso si, remarcan tamén en El País que primeiro se cumpliu cos rituais funerarios islámicos. ¡Manda truco! A min se me pegas un tiro na cabeza despois de entrar ao asalto na miña casa pouco me importa que me veña santificar o mesmísimo Papa, ¡iso de católico tenche pouco!. Non nego que probablemente a única maneira posible de acceder a onde Bin Laden se agochaba era unha operación extrema deste tipo, sen moito miramento á hora de chamar ao telefonillo da entrada principal, pero de aí a rematar como a remataron... Se foron capaces de entrar é moi sospeitoso que non foran capaces de capturalo en vez de asasinalo.

E do outro lado do charco todo son celebracións e jolgorio. O presidente da, polo momento, primeira potencia mundial só di que se fixo xustiza e listo. Medo me dá o concepto de xustiza que se ten por este mundo de Deus. Para min a xustiza comeza cando, sexa cal sexa o teu crime, te enfrentas a un xuizo xusto no que un fiscal presentará as túas maldades e ilegalidades, pero onde tamén tes a opción de te defender. Isto parécese máis a unha obra de teatro, a un capítulo dunha serie de ciencia-ficción policial que ao que debería ser a realidade. Iso si, agora só falta que mañá os titulares de medio mundo desmintan o asunto. A paranoia conspiratoria estará servida.


Din que morto o can acabouse a rabia. Non mo creo. Eu son máis dese outro que di Ollo por ollo e todos acabaremos cegos. Teño o pálpito de que todo (sempre) pode ir a peor, e non creo que Oriente Medio vaia a ser a excepción, agora menos ca nunca.


Máis desilusións sobre Bin Laden e a súa morte en Estados Unidos asasina a Democracia (Nerea Pallares Vilar, Galicia Digital )

jueves, 22 de julio de 2010

E despois da crise, ¿que?

Foro Internacional sobre Economía e Xestión da Comunicación: O novo panorama mediático

O Foro Internacional sobre Economía e Xestión da Comunicación organizado pola facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela reuniu o pasado 16 de Xullo a un nutrido grupo de poñentes internacionais que diseccionaron en profundidade a situación actual do xornalismo e a súa proxección no futuro. Os temas tratados abrangueron especialmente os recentes cambios que se viñeron dando nos últimos anos no mundo da empresa xornalística e a influencia que a crise económica está a ter na produción informativa. Non obstante, pese á sombría situación que afronta o xornalismo hoxe en día e a moitos dos riscos negativos que se destacaron da actual recesión económica, os poñentes, especialmente o Dr. Rosental Calmon Alves da Universidade de Texas en Austin (Estados Unidos) e o Dr. Timoteo Álvarez da Universidade Complutense de Madrid, non perderon o sentido do humor e achegaron reflexións cargadas de ironía e acidez que fixeron esbozar aos asistentes sorrisos de complicidade ao tempo que asimilaban as poñencias. A intensidade do encontro quedou patente tanto nos asistentes como nos convidados cando tras case doce horas de charlas se deu por finalizado o evento. Pese a que o 16 de xullo resultou ser un día longo o resultado foi o agardado, tanto os asistentes como os que sentaron trala mesa principal e os micrófonos se deron por satisfeitos e agradeceron ter a oportunidade de asistiren ao Foro.


A escolla de intervencións no Foro foi selecta e púidose contar con trece representantes de oito países diferentes que aportaron a súa experiencia nos medios de comunicación e no exercicio da docencia para achegar novas visións sobre o xornalismo do Século XXI e intentar aportar solucións para unha crise que, segundo Ramón Zallo, da Universidade do País Vasco, é tanto estrutural como coxuntural.

No Foro interviron (por orde cronolóxica)

O Doutor Miquel de Moragas i Spà , quen centrou a súa intervención sobre todo na importancia da investigación aplicada no campo dos medios de comunicación como maneira de resolver algúns dos problemas derivados da situación de crise. Esta crise, cando falamos dos medios de comunicación de masas, é un ciclo crítico que se retroalimenta, xa que, en opinión do catalán, se fomenta a dependencia de inversores privados e no momento en que o número de créditos para a industria comunicativa diminúe, tamén se reducen os gastos de produción, o que leva a peores contidos, o cal reverte negativamente especialmente nos consumidores.

A Doutora María Michalis (tamén presente nas redes sociais) centra as súas investigacións nas políticas europeas de comunicación e na situación de converxencia tecnolóxica que se está a dar hoxe en día e polo tanto artellou a súa explicación no Foro arredor da evolución das políticas de comunicación que se deron en Europa e na Unión Europea dende 1974, destacando principalmente o feito de que dende as institucións comunitarias o que se buscaba era potenciar o libre movemento de contidos, especialmente na produción televisiva, entre os diferentes países membros. Tamén se destaca da súa intervención que a Unión Europea en todo momento pretendeu, con medidas máis ou menos acertadas, combinar o recoñecemento á situación sociocultural europea e os intereses económicos dos países membros.

O doutor Ramón Zallo, Catedrático no Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade do País Vasco e licenciado en Dereito e Economía pola Universidade Comercial de Deusto. Zallo é tamén autor de diversos libros sobre economía e política da cultura e da comunicación.A intervención de Zallo moveuse en todo momento arredor da implantación da Televisión Dixital Terrestre (TDT) e das últimas leis relativas ao audiovisual español, centrándose, por tanto, nun tema propio do seu ámbito de estudo. Na súa opinión, as leis de comunicación vixentes en España, froito do goberno socialista dende o ano 2004 ata a actualidade, son ante todo, desreguladoras e liberalizadoras, contravindo os presupostos do servizo público do que parten. A crítica do doutor quedou patente dende o primeiro momento, xa que expresou de viva voz que era contrario por principios a estas leis e que todos debían estar avisados dilo antes de escoitar os seus argumentos. Ao afondar na temática da Televisión Dixital Terrestre deu gran importancia ao feito de que as potencialidades deste novo tipo de emisións estaban sendo realmente desaproveitadas. Hoxe en día non se fai uso dos sistemas avanzados que a TDT propoñía, nas súas propias palabras queda claro que “Se sigue haciendo televisión tradicional pero con dos nuevos canales por cada emisor”. Nestes momentos realmente hai un exceso de oferta que non é absorbida satisfactoriamente polo consumidor. Non obstante, este exceso non é incompatible con un funcionamento oligopolístico protexido pola clase política, hoxe operan demasiadas empresas como para que a televisión en aberto permita obter beneficios. Outro dos grandes problemas que se trataron durante a exposición de Zallo foron os problemas que sufre e sufrirá o ámbito da radiotelevisión pública derivados das leis do audiovisual. Na súa opinión o que se logrou foi reducir o rol da Corporación de Radio Televisión Española, en parte debido ao seu novo sistema de financiación, que resultará deficitario a medio-longo prazo. A conclusión final que aporta o vasco é que as últimas leis do audiovisual español son “desreguladoras y liberales. Esto es una decisión política, no es un imperativo social ni económico.” Non obstante, Zallo non pecha a porta a algún resultado positivo no audiovisual de carácter público, iso si, di que será no ámbito das comunidades autónomas, nunca a nivel estatal.

O Doutor Germán Rey, a súa intervención tivo como eixo as políticas culturais e comunicativas levadas a cabo en América Latina, zona que el coñece de primeira man debido aos seus estudos sobre medios de comunicación no continente. O punto central desta exposición baseouse na idea de que “lo que hace falta en América Latina no son televisiones, radios o tecnología sino unir ciudades que habían estado rotas”. Segundo el mesmo dixo, dende as conversacións da Ronda Uruguay non existiu ningún tratado realizado por Estados Unidos no que se contemplara acultura como materia excepcional (como si se tivera en conta no ultimo tratado asinado entre Estados Unidos e a Unión Europea). Ademais, é de ter en conta que no continente americano as políticas culturais e comunicativas tenderon dos intereses socioculturais aos intereses económicos, dando lugar a que moitas das políticas culturais imperantes tiveran as súas orixes e primeiros impulsos nos movementos sociais antes que nos propios gobernos latinos. Non obstante, todos os gobernos de América Latina, e con eles todos os cambios de lexislaturas que se deron no tempo, tiveron consecuencias na organización das políticas comunicativas e neste panorama novo e cambiante apareceron novos desenvolvementos no campo comunicativo e cultural que se deron entre crispacións, tensións políticas e campañas mediaticas. Hoxe en día Latinoamérica vive nun marco de inestabilidade entre medios, goberno e cidadáns, e iso reflíctese nos comportamentos e actitudes dos cidadáns e tamén das institucións.

O Doutor Rosental Calmon Alves (a quen podemos atopar en twitter), que na actualidade é doutor en Comunicación pola University of Texas de Austin (Estados Unidos). É tamén director da Cátedra Knight en Xornalismo e da Cátedra UNESCO de Comunicación na mesma universidade. Alves foi director e fundador do Knight Center for Journalism in the Americas. Alves, na súa intervención, partiu da idea de mediamorfosis de Fiedler (1997) segundo a cal se seguiu un proceso de evolución lóxico dende os medios de comunicación de masas tradicionais aos novos medios dixitais, para opoñerlle o vocablo da súa propia creación: mediacidio (2001), ou a “muerte del sistema” de medios no contexto industrial e o nacemento dun novo sistema de medioscompatibles co mundo dixital. Un dos puntos máis importantes da súa exposición foi a “metáforado ecosistema” como explicación relativa ao cambio de xestión das estruturas das empresas decomunicación. Para cambiar a xestión hai que realizar modificacións en relación con contexto e coa situación do momento do ecosistema mediático en que está inserida a empresa. Na actualidade hai unha gran biodiversidade no mundo dos novos medios na que se pode dar unha gran relación simbiótica entre os diferentes medios e soportes. Pero para elo é necesario entender que unha rede de comunicación é un ecosistema que ten vida propia, como un ecosistema económico o biolóxico e tamén ter en conta que neste novo ecosistema se xeran novas relacións, como por exemplo o feito de que os medios de masas perden poder e control mentres os individuos conectados en redes crecen exponencialmente, tamén en poder e control. Quizás o máis revolucionario hoxe en día respecto dos medios dixitais é o feito de que, neste novo ecosistema, o receptor é, por primeira vez, un emisor con gran capacidade para crear. A empresa periodística ten que adaptarse a todos estes novos cambios, ante todo, a empresa comunicativa debe deconstruír para logo reconstruír de maneira dixital os medios tradicionais.

A Doutora Rosario de Mateo, pretendeu resumir na súa intervención as transformacións que teñen lugarna industria dos medios de comunicación partindo da idea de que os cambios se teñen que encadrar na propia transformación do modelo económico e social español. Estas modificacións están caracterizadas por factores tecnolóxicos, como a difusión dos contidos, políticos, por exemplo a liberalización da televisión, económicos, como a concentración empresarial e sociais como a elevación do nivel de vida ou a alfabetización dixital, que segue a ter como contraparte o incremento das brechas dixitais. Hoxe en día pódese sinalar que a situación dos medios de comunicación se caracteriza por unha revolución tecnolóxica, unha maior democratización en acceso e contidos, unhas políticas de comunicación que favorecen a liberalización do mercado audiovisual e, en definitiva, por unha gran indefinición.

Martín Becerra, coñecedor directo das industrias culturais de América Latina, amosou aos asistentesas diferenzas entre a configuración das mesmas en Latinoamérica e Europa Occidental ou Estados Unidos. Aínda que hoxe en día a situación das industrias culturais e comunicativas destas tres zonasson moi distintas, isto é estraño xa que ata non fai moitos anos as tendencias de América Latina e Estados Unidos eran similares, especialmente nos modelos comerciais. As diferenzas dos modelos latinos radican especialmente nos problemas propios de cada país, como por exemplo o tamaño dos mercados nacionais. Na opinión deste profesor os problemas básicos da cultura e a comunicación no continente americano radican especialmente na docilidade dos sistemas políticos, en que os actores mediáticos son actores comerciais (non hai gran presenza de medios públicos), na extranxeirización da propiedade e dos contidos dos medios latinos e nos oligopolios da telecomunicación.


A intervención de José Marques de Melo, ao igual que a de Becerra, centrouse especialmente na situación da comunicación no seu país, neste caso Brasil. Na súa opinión os problemas de comunicación de América Latina, e por tanto de Brasil, non son propiamente de comunicación, senón problemas sociais, económicos e políticos. Certamente, a excepción de Brasil e México, América Latina é o continente onde menos se inviste en publicidade. Ademais, Brasil presenta certas características propias como a polarización económica e social, que xera estilos comunicativos moi diferenciados entre o urbano e o rural. Así a folkcomunicación dun Brasil máis arcaico e socialmente discriminado oponse ao extremo da alta tecnoloxía e dos seus modos de comunicación. No Brasil de hoxe en día as comunidades marxinais resisten fronte á tecnoloxización e os fluxos culturais dominantes mediante os seus riscos típicos como a danza, o baile e os iconos (exvotos).

O doutor Jesús Timoteo Álvarez, Catedrático de Historia da Comunicación pola Universidade Complutense de Madrid (UCM), planteou como punto central a súa sección de estudo, xa que se tomou en conta especialmente a pregunta “¿E despois da crise que?” chegando á conclusión de que ata o momento as propostas posibles dende todos os ámbitos non resolven a medio prazo os problemas da industria comunicativa e cultural. Nas ´súas propias palabras hoxe en día “estamos viviendo la muerte de un mundo y de una cultura, la de la sociedad de masas”.


O doutor Octavio Islas presentou no Foro os resultados e variables sobre as que se estruturaba un estudoque se estaba levando a cabo en México para coñecer porque os cidadáns do país son ou non usuarios da Internet e que valoración lle conceden a este servizo. As variables empregadas abranguían dende o lugar onde se usaba a Internet ata os efectos sociais que tiña o seu uso.


A intervención do Doutor Mariano Cebrián Herreros tivo o seu punto forte na temática dos cibermedios e do futuro dos medios tradicionais, anticipando, como outros dos convidados que “la televisión es la próxima difunta, ya que todo se va reajustando y se va modificando el planteamiento”. Na súa opinión, o futuro do xornalismo dixital atópase nas plataformas de contidos, nas grandes agrupacións de medios e contidos. Os medios que, segundo Cebrián Hererros, se acumulan son os medios tradicionais (prensa, radio, televisión e cine), os cibermedios (a Internet como plataforma e rede de redes) e as redes de comunicación móbiles. Non obstante, o que máis falla fai neste momento son as ideas, xa que “quien tiene una idea tiene una mina”, despois xa só queda trasladalo a todas as pantallas posibles.


O eixo central sobreo que xirou toda a exposición do Doutor Elías Machado, foi o uso que se fai, ou non, das plataformas dixitais na ensinanza, no mundo empresarial e tamén no eido do xornalismo profesional. Na súa opinión, o reto actual está na innovación, algo que as escolas de xornalismo aceptan moi mal. Segundo a súa experiencia as innovacións non aparecen nas escolas de xornalismo, senón nas empresas, pero estas non sempre saben darlles os enfoques teóricos necesarios. O ideal é a multidisciplinariedade e, dende logo, unha boa dose de autocrítica, tanto dende as empresas como dende a Universidade.

A última conferencia da tarde foi a de Pablo Escandón, membro do Centro CIESPAL (Ecuador) e editor da revista latinoamericana de comunicación Chasqui. En xeral, o ámbito de investigación de Escandón está orientado ao xornalismo dixital e a todas as formas de comunicación na Rede. No peche de Escandón tentouse transmitir e explicar a función social e psicolóxica que hoxe en día cumpren as novas tecnoloxías no Ecuador. Así foi como para finalizar o Foro se falou do usod as novas tecnoloxías, no Ecuador especialmente o celular o teléfono móbil, dun xeito social e emocional, facendo funcionar os televisores e celulares como “tótems”. O risco definitorio desta función de categoría social vén dado polo dato de que incluso nas barriadas máis pobres do país en todos os fogares sempre se ten televisión de cor, teléfono móbil e equipo de son. As estatísticas asegúrano sen lugar a dúbidas, o teléfono móbil ten unha penetración do 99% respecto da poboación total. A Internet, pola outra banda, non ten esa función “tótem” da que se viña falando, e aínda hoxe en día, o seu uso é residual no Ecuador.

Para concluír podemos dicir que no momento actual o mundo da comunicación se atopa non só sumido nunha crise, que o está, xa que a situación económica global non deixa de afectar a este sector, senón que tamén se caracteriza por unha gran indefinición, como reseñaba De Mateo e por estar a vivir unha revolución. Hoxe non nos resulta estraño oír que se está a facer xornalismo nasplataformas e redes sociais da Internet. Non obstante, aínda xorden moitas dúbidas sobre a idoneidade destas novas canles e a preparación dos usuarios para xerar contidos que cumpran cos requisitos informativos necesarios. Tampouco é raro oír comentar que o futuro da televisión, especialmente no caso da radiotelevisión pública española, está hipotecado, se seguen a producir contidos analóxicos para a Televisión Dixital Terrestre. Pero o problema non afecta só ao sector público, a produción dos emisores privados para a TDT segue a ter unha calidade de contidos propia do pasado. As achegas que se fixeron durante o Foro tenderon todas a un mesmo punto: existe unha crise nos medios tradicionais, existen solucións que a medio-longo prazo non o serán. É necesario o cambio. É certo que existen iniciativas novidosas, que empregan os novos soportes e tamén os tradicionais de xeitos aínda non vistos. Pero con iso, tal e como se viu vendo, non chega. Non só se deben dar transformacións na parte tecnolóxica dos medios senón tamén na súa estrutura interna, nos seus modelos de financiación e, dende logo, nas persoas que crean os contidos e nas que os reciben.

No momento actual é posible comprobar que o poder das corporacións mediáticas, pese a seguir tendo un peso moi importante, está cedendo en parte o control á cidadanía. Aos grupos organizados de individuos que reclaman decidir eles mesmos sobre os contidos e a difusión. Isto é
síntoma de que os cambios que estamos a sufrir no mundo occidental non son só de tipo económico ou tecnolóxico, senón que tras eles se esconde unha vertente social que, especialmente aos xornalistas, non debería pasar inadvertida. Quizás o máis importante e necesario neste momento sería adecuar as ferramentas que xa se teñen aos contidos que se demandan, cumprir coas necesidades informativas da cidadanía, especialmente con eses grupos, que se viron amplamente reflectidos nas intervencións que fixeron os doutores latinoamericanos, que ata o momento non tiveran a representación necesaria nos medios tradicionais de comunicación de masas. O futuro está no dixital, iso está claro, pero tamén na segmentación dos públicos, o que deixa unha gran marxe ás iniciativas que a un tempo teñan en conta os intereses xornalísticos e sociais.



lunes, 17 de mayo de 2010

Volta ao natural: a revalorización da compostaxe doméstica en Galicia


Publicado orixinalmente o 13 de marzo de 2010 como práctica da clase de Xornalismo Electrónico e recuperado en relación á folga que os traballadores de Urbaser (a empresa encargada da recollida do lixo en Santiago de Compostela) manteñen dende hai máis dunha semana.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) xunto con Amigos da Terra reivindican publicamente a necesidade dunha maior concienciación e promoción da compostaxe e a reciclaxe en Galicia. Nun momento en que a sostibilidade e a ecoloxía preocupan á cidadanía atopamos na comunidade que as plantas de tratamento de residuos non dan abasto. Dende estas plataformas critícase abertamente o carácter obsoleto do modelo de incineración de SOGAMA na súa planta de Cerceda, un modelo que ademáis denuncian como deficitario economicamente. Non obstante, dende as mesmas asociacións ven como moi beneficiosos para a sociedade os proxectos de promoción da compostaxe doméstica xa levados a cabo dende as administracións galegas.

E isto da compostaxe, ¿que vén sendo?

A compostaxe, un proceso biolóxico no cal restos orgánicos, especialmente vexetais, se transforman ata converterse en humus, volvéndose aptos para funcionar como abonos de diversos tipos de cultivos e plantacións, está comezando a gañar adeptos en Galicia. Esta técnica , coas súas diversas variantes, é coñecida dende a antigüidade e foi empregada durante moito tempo no rural galego na agricultura de autoconsumo, pero agora, nun momento en que a cidadanía sente gran preocupación polo medioambiente e de controversia na adecuación dos modelos de xestión de residuos, as Administracións decidiron impulsar activamente o seu uso nos fogares galegos.

Aos beneficios que a compostaxe supón para a terra, tales como o aforro en abonos químicos e a mellora da estrutura do solo, engádese un valor ecolóxico. Separando en orixe os contidos orgánicos susceptibles de ser compostados (céspede, restos de poda, restos de alimentos...) redúcese a produción de lixo por habitante e tamén o gasto que para os concellos supón a súa recollida e envío ás plantas de tratamento. A compostaxe sería un método ideal de reutilización dos refugallos orgánicos se se alcanzase o número suficiente de usuarios, e sobre todo se se implementase a nivel industrial. Non obstante, polo de agora, en Galicia só as plantas de Nostián e Lousame empregan técnicas de compostaxe, que resultan insuficientes tendo en conta a cantidade de residuos producidos pola poboación galega. A isto hai que engadir a saturación que todas as plantas de tratamento de residuos da comunidade sofren neste momento.


Promocionando a compostaxe doméstica en Galicia

Mentres se busca solución aos problemas resultantes da xestión do lixo, dende as Administracións autonómicas e locais lévanse a cabo campañas de concienciación e promoción de reciclaxe e compostaxe a nivel individual.
A Consellería de Medioambiente e a Sociedade Galega do Medioambiente (SOGAMA), comezaron, xunto coas asociacións ecoloxistas Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Amigos da Terra, en 2007 un proxecto piloto de compostaxe doméstica no rural. Os resultados aportados polos técnicos especialistas de SOGAMA e das agrupacións ecoloxistas, foron positivos, demostrando que se reducía a produción de lixo e que o compost resultante era apto para as terras galegas. Hoxe en día aínda se seguen a levar a cabo iniciativas deste tipo, como a anunciada por SOGAMA o pasado 12 de marzo para a área da Mariña Lucense na que se instalarán 200 compostadores domésticos repartidos entre Lourenzá, Barreiros, Trabada e Alfoz.

Os concellos galegos tamén se sumaron a esta corrente e en Santiago de Compostela, dende fai un par de anos, é posible solicitar e recibir un composteiro e a información necesaria para instalar na horta ou xardín e comezar a producir abono de forma natural e sinxela. Ademais, nesta mesma localidade, levouse a cabo durante o verán do 2008 un proxecto de reinserción laboral consistente nunha planta de compostaxe na que se trataban máis de oito toneladas de materia vexetal ao día ao tempo que se ensinaba o oficio de compostador.

jueves, 14 de mayo de 2009

Galicia pola Radio 1933-2008 A historia falada

Noticia que recolle a exposición que a sede compostelá da Fundación Caixa Galicia ofreceu no pasado mes de Marzo.


Presenta e locuta Alba L.M
Grava Jessica G.F