viernes, 23 de enero de 2009

Acudir a un velorio galego nunca foi tan sinxelo

12/01/2009


Vostede non é de por aquí, non coñece todos os requisitos que é necesario cumprir para presentar os seus respectos a un finado en Galicia. Non se preocupe, sempre está a tempo de aprender, estamos para axudarlle. Teña en conta, iso si, que o tamaño e localización das poboacións nas que se enfrontará a ese lance que é a morte dun galego será un dos riscos que máis inflúan no comportamento que debe amosar.

O primeiro que debe saber é que en Galicia calquera reunión de xente da parroquia pode converterse non nunha festa, pero case nun aperitivo. En situacións de tal calibre como a morte, e se o falecido era boa xente, ou senón tamén, probablemente o primeiro que atope sexa un tanatorio cheo de veciños ansiosos de novas. Este grupo de coñecidos do finado gusta de coñecer todo tipo de historias, a poder ser escabrosas, da vida comunal. Adoran os contos; saber quén casou con quen, quen moveu os marcos da finca que lindaba coa súa ou cal foi a rapaciña que marchou vivir á cidade co mozo. Non se asuste, vostede estará preparado para enfrontarse a toda esa turba ansiosa de noticias.

O protocolo dun velorio inclúe unha serie de pasos que non deben esquecerse e cuxa orde é moi importante. Nada máis entrar debe saudar con brevidade e seriedade a todos aqueles que se cruce camiño da sala do cadaleito. Non é o momento aínda de intercambiar chismes. Unha vez logrou esquivar á maior parte dos presentes e chegar á sala onde agarda a familia deberá, con gran seriedade, transmitirlles o seu pésame. A fórmula máis usual é un conciso “acompáñoo no sentimento”. Se vostede é crente o máis habitual é rezar unha pregaria pola alma do falecido diante do cadaleito. Se este non é o seu caso pode saír da sala, mais recorde deixar na mesiña da entrada a súa tarxeta de visita ou asine o libro que alí amablemente situou o persoal do tanatorio. Este é quizais o paso máis importante de todo o ritual pois deste xeito non só os parentes do finado, senón toda a parroquia, poderán saber que alguén acudiu ao funeral en representación da súa familia.


Enfrontarase agora á situación máis inestable que atopará esa tarde, terá que entender, aceptar, soportar e colaborar coa tradición máis arraigada nas reunións sociais galegas: o “dime dime”. Coñecer a vida dos veciños é a preferencia máis xeneralizada á hora de cubrir o oco entre a visita á familia do finado e o enterro na igrexa. Os temas máis tratados son aqueles que conteñen algún tipo de segredo, problema de herdanzas e partillas ou vodas concertadas. Só con escoitar e poñer cara de asombro, incluso de indignación, poderá saír ao paso dos comentarios. Se de verdade quere introducirse no grupo debería ter preparada de antemán algunha frase como “Pois érache de boa familia....”, “xa se sabe, de tal pau....”...ou similares. Aquí a creatividade é sempre ben recibida, sobre todo se vostede ten tamén algunha historia propia que ofrecer.

A tensión dos actos fúnebres case rematou, o único que lle queda é asistir ao espectáculo que o párroco da comunidade dará mentres predica sobre a esperanza do cumprimento da vontade de Deus. Segundo a época litúrxica en que se celebre a cerimonia leranse uns fragmentos ou outros dos libros sagrados pero a mensaxe será sempre a mesma: Deus é grande e a súa vontade acaba por cumprirse, tarde ou cedo, pero sempre se cumpre. A proba máis evidente será o cadaleito que presida a misa. Non dubide, de todos xeitos, que namentres os veciños repiten os salmos, existirá algún grupo que fóra, ou poida que dentro, da igrexa siga comentando as últimas novas da parroquia. Todo finalizará cando se cubra o nicho no que descansará, seos murmurios lle deixan, o falecido.

Despois de todos estes trámites vostede regresará á súa casa e retornará á súa vida normal, mantendo un recordo quizás entrañable, polo absurdo que é para os estranxeiros, dos ritos funerarios galegos.

Los guardianes de la libertad-Noam Chomsky&Edward S. Herman


5/01/2008

¿Medios independentes e neutrais ao servicio do cidadán?
¿Vivimos nunha sociedade de libre información á que pode acceder calquer cidadán ou baixo un réxime do modelo de propaganda?


Edward S.Herman e Noam Chomsky ábrennos un mundo de posibilidades sobre a manipulación informativa e mediática en Estados Unidos nun libro que tiña como título orixinal “Manufacturing Consent: The Political Economy of Mass Media” O que xa nos deixa entrever as ideas que se van a manexar nos textos dos autores estadounidenses

Pese á idea xeneralizada de que os medios de comunicación deben ser libres, neutrais e estar sempre dispostos a revelar as verdades por riba de presións ou intereses económicos e políticos, Chomsky e Herman advírtennos que non é así, case nunca. Honrosas son, segundo eles, as excepcións que cumplen cos códigos deontolóxicos e cos fundamentos básicos do bo saber facer xornalístico.

Sempre dende a óptica das situacións reais acaecidas na década dos oitenta en Estados Unidos, analizarán cómo as grandes corporacións mediáticas son manipuladas unha e outra vez para acadar os intereses das grandes élites dominantes, tanto do mundo económico como máis comunmente da clase política máis conservadora do país.

Dende ese modo de ver e vivi-la vida política e social presentaránnos as grandes diferencias entre os xornalistas estadounidenses e os seus homólogos europeos ou asiáticos. Ou os abismos existentes entre as actuacións “democráticas” en paises aos que apoian e as totalmente tiránicas e anti-democráticas dos paises que teñen un réxime marcadamente anticapitalista. Fan xurdir con este último concepto a idea tan reiterada nos oitenta no transfondo de moitas noticias publicadas no seu país da dicotomía “vítimas dignas” fronte a “vítimas indignas”.

O libro está dividido en seis apartados que se relacionan e fían entre eles. O explicado no primeiro estará intimamente ligado cos seguintes sucesos narrados na obra e todos teñen como base común a terxiversación de datos, a negativa ao acceso de determinadas fontes aos medios de comunicación ou a utilización de fontes gubernamentais avaladas previamente por consellos de ministros ou representantes da seguridade nacional de Estados Unidos.

Así no primeiro apartado, titulado “Un modelo de propaganda” dannos o principio clave que rexirá todo o libro: na actualidade os medios de comunicación móvense por intereses económicos (por exemplo os beneficios que poden lograr de grandes compañías que se publiciten nos seus espacios) , políticos e sociais. Tentan agradar aos poderosos e por elo admiten as súas versións das noticias, aceptan teletipos ou comunicados de prensa sen comparalos con fontes imparciais.
Esta sumisión ás elites dominantes dun territorio, no caso da obra Estados Unidos, pode levar a situacións tan antinaturais como a de considerar baixo distintos enfoques as mortes de civís se se producen en reximes afíns ou en países de ideoloxía non capitalista.




Deste xeito introdúcenos, con exemplos moi claros e concisos, na idea tan extendida nos medios estadounidenses de “vítimas dignas” (aqueles civís ou persoas cultural e políticamente relevantes que morrían en países nos que imperaba ou destacaba o comunismo) e as “vítimas indignas” (que podían ser mesmo estadounidenses, relátase con atención o caso de catro monxas, que morrían en países “democráticos” nos que a intervención ianqui era militar e política aínda que non recoñecida oficialmente.)

Os medios de comunicación, baixo a idea de que o xornalismo non deixa de ser un negocio que debe proporcionar beneficios, non dubidaban en alimentar a diferenciación entre os mortos sendo o exemplo máis básico a cobertura que daban a cada un dos acontecementos (No libro atopamos esquematizada a comparación do asasinato de Jerzy Popieluszco, un sacerdote polaco fronte a cen mortes de relixiosos en centroamérica. No cadro aparece a cobertura que recibiu cada un dos casos en Estados Unidos mostrando unha alarmante diferencia de número e calidade en detrimento das vítimas latinoamericanas). Na cobertura dada ás diferentes noticias debemos apreciar tamén que os réximes latinoamericanos eran pro-Estados Unidos e pola contra Polonia seguía baixo o dominio da Unión Soviética dentro do contexto da Guerra Fría. As implicacións militares e políticas son claras.

Por se nos quedaba algunha dúbida acerca de cómo os medios estadounidenses están baixo o xugo do goberno de turno Chomsky e Herman non teñen reparos en profundizar nos capítulos 3, 4 e 5 no entramado de relacións políticas que se establecen en latinoamérica, europa do leste e indochina na década dos oitenta, tendo sempre como trasfondo básico os intereses dos poderes fácticos do Estado.

Deste xeito comezan por analizar as diferencias reais existentes entre as eleccións non tan democráticas de Guatemala e El Salvador no ano 1982 e as do mesmo ano en Nicaragua. Os dous primeiros eran “estados clientes” do imperio estadounidense que querían lexitimar aos seus gobernantes para encubrir unha dictadura, o terceiro un país en vías de desenvolvemento que pretendía lexitimar un goberno elexido democráticamente. Nos medios de comunicación estudiados polos autores (The New York Times, CBS, Newsweek, Time…) as únicas fontes admitidas son as do goberno, non entrevistan aos observadores internacionais nas diferentes eleccións e, punto moi recalcado no libro, úsanse modos de análise distinto segundo o país no que se están a celebrar os comicios. É dicir as comisións e os comunicados do goberno dan aos medios un marco no que encadrar as noticias sobre o tema do cal non deben saírse. Nos seus países clientes, só se terán en conta os comportamentos e actitudes dos políticos, dos militares e do goberno saínte o día das eleccións (non as duras medidas represoras levadas a cabo antes e despois). Non obstente, en Nicaragua seguirase un método de investigación distinto, eliminando calquer dato que poida falar de eleccións limpas e facendo especial fincapé na situación terceiromundista do país en épocas anteriores á elección dun novo goberno.

En casos extremos, en vez de non informar como é debido, os medios, baixo presións ou simplemente sen saber exactamente porqué o fan, chegan a “desinformar” aos usuarios e cidadáns. Tal e como se expón no quinto capítulo do libro no que vemos que o atentado perpetrado contra Xoan Pablo II en 1981 a mans de Mohamed Alí Agca é utilizado como arma política ata case 6 anos despois, cando se remate o xuicio contra Agca.
Neste apartado recálcase que as situacións de confusión, información contradictoria ou mesmo des-información non son só culpa dos gobernos, senón que os propios medios inflúen ao non ter a suficiente capacidade crítica á hora de elixir fontes “non contaminadas” polas élites ou non saber reaccionar ante os erros tanxibles das súas fontes e xornalistas cun oportuno editorial de desculpas e xustificacións.

No caso do intento de asasinato do Papa chegáronse a crear en Estados Unidos grandes tramas que incluían á policía secreta Búlgara (por iso recibiu toda a operación mediática o nome de “Conexión Búlgara”) e ás forzas soviéticas representadas pola KGB. Creáronse hipóteses de tramas que nunca chegaron a demostrarse e esclarecerse e a situación de Agca en prisión foi altamente controvertida, así como as súas declaracións, as cales cambiou en varias ocasións.

No quinto capítulo os autores relacionan os intereses privados no leste de Asia coa cobertura que reciben en Estados Unidos as guerras de Indochina, destacando especialmente as moitas mortes civís en Laos e Camboia. Mortes que non eran recoñecidas oficialmente nos medios. En Estados Unidos críase que as posicións bombardeadas pola aviación estadounidense eran relativas á “Ruta de Ho Chi Ming” para abastecer aos rebeldes. Non obstante, xornalistas europeos e outros observadores constataban que as aldeas arrasadas non tiña relación algunha cos insurxentes.
No contexto das guerras de Indochina tamén se analizan as informacións relativas ás diferentes fases do conflicto e de novo á dicotomía de “vítimas dignas” fronte “vítimas indignas” antes,durante e despois do réxime de Pol Pot.


Finalmente, Noam Chomsky e Edward S.Herman concluen que o que eles pretendían era contrapoñer a teoría sobre os medios de comunicación ("percepción de la prensa como arisca, tenaz y omnipresente en su búsqueda de la verdad e independiente frente a la autoridad"páx:341) coa realidade á que se enfrentan en Estados Unidos ("El modelo de propaganda deja entrever que el “propósito social” de los medios de comunicación es el de inculcar y defender el orden del día económico, social y político de los grupos privilegiados" páx:341)

Para lograr mostrarnos esta diverxencia entre realidade e teoría adicaron estos seis capítulos tan ben fiados entre eles, que nos van levando de conceptos teóricos, como o de “modelo de propaganda” ou o mercantilismo que impera hoxe en día nos medios de comunicación a datos obxectivos, comparados e profundamente analizados sobre a repercusión das noticias na prensa estadounidense.

Non obstante, ambos escritores deixan un oco á esperanza e ao optimismo ao comentar que dende a Guerra de Vietnam o poder dos medios de comunicación como defensores do orde do día decaeu diante da opinión pública. Chomsky e Herman cren que o conxunto da cidadanía ten aínda a capacidade de ser crítico e escéptico respecto da información que recibe e polo tanto pode decodificala tal e como é, máis alá de adornos, florituras ou cortinas de fume.

jueves, 22 de enero de 2009

El americano Impasible-Graham Greene


26/11/2007
1- Ficha Bibliográfica:

-Título Orixinal: “The Quiet American”

-Autor: Graham Greene

-Ano da primeira edición: 1955

-Tradución: J. R. Wilcock

-Edición consultada: “El Americano Impasible” RBA Editores, S. A., (1992) (Traducción cedida por Emecé Editores). Barcelona. España.

-Extensión: 181 páxinas

2-Sipnopse Argumental:

Guerra de Indochina. Período de descolonización tras a Segunda Guerra Mundial. Thomas Fowler leva varios anos destacado en Saigón como correspondente dun xornal británico. Afíxose completamente á vida vietnamita, só de vez en cando o molesta a idea de permanecer casado cunha muller á que xa non ama e que se nega a concederlle o divorcio.

A súa vida en Saigón é relativamente confortable, traballa pouco, ten todo o opio que quere e posúe á muller á que agora ama: Phuong.

Non obstante as cousas tórcense cando chega á cidade o estadounidense Alden Pyle. Este licenciouse fai pouco por Harvard , está fortemente influenciado por York Harding e chega a Vietnam con inxenuos ideais sobre a mediación política na zona e existencia dunha terceira forza (ademais de comunistas e franceses).

A trama irase retorcendo e mostrándonos como as mellores intencións non sempre son predecesoras de bos actos e como nace o intervencionismo militar de Estados Unidos na zona asiática.

As actuacións de Pyle, que se namora perdidamente de Phuong e debido á súa inxenuidade se relaciona con movementos subversivos, porán a súa vida e a estabilidade física e psicolóxica de Fowler en perigo.

Toda a novela xirará en torno ás actitudes distintivas entre Fowler e Pyle respecto á política, á guerra, á vida e ao amor.

Tendo como tema subxacente(aínda que sempre moi presente) a intervención política internacional no territorio no que máis tarde se desenvolvería a guerra de Vietnam.

3-Valoración Persoal:

A novela de Greene introdúcenos nun mundo moi diferenciado do coñecido na Europa Occidental a mediados do século XX. O sur de Asia, as colonias francesas en Indochina, réxense por unhas normas de sociedade distintas das que imperan na Francia ou na Gran Bretaña da época.

Pese á continua presencia de tropas francesas e aos intentos dos diplomáticos europeos por occidentalizar as zonas en que habitan, a presencia da tradición asiática é permanente. Non só no xeito de vestir, peitearse ou traballar, senón tamén na actitude ante a vida ou ante a guerra que se vén dando entre tropas comunistas independentistas e entre os colonos franceses.

Os habitantes vietnamitas tenden a hibridar costumes propios da súa cultura e da recentemente introducida. Así vemos mulleres que visten traxes tradicionais pero cean en restaurantes europeos e ven películas francesas e británicas. Pese ás diferencias entre os núcleos urbanos e as zonas próximas á selva menos poboadas, a mestura entre culturas está presente en todo momento.

Un exemplo ben claro deste feito aparece no fragmento en que se describe unha nova relixión dunha aldea na que habitan aliados dos franceses: O Cadoísmo

Neste anaco percíbese tamén que así como os habitantes tradicionais do lugar adaptan costumes estranxeiros tamén son de sinxela filiación política; arrímanse ao que menos problemas plantexe para o seu modo de vida

(Páxina 78)

“Por lo menos una vez por año los caodaístas celebran un festival en la Santa Sede de Tanyin, que queda a unos ochenta kilómetros al noroeste de Saigón, para festejar tal año de liberación o de conquista, o también algún festival budista, cristiano o de Confucio. […] El caodaísmo, invención de un empleado del gobierno cochinchino, era una síntesis de estas tres religiones. La Santa Sede se encontraba en Tanyin. Un papa y mujeres cardenales. Profecías mediante planchuelas. San Víctor Hugo. Cristo y Buda, que desde el techo de la catedral contemplaban una fantasía disneyana de Oriente, dragones y serpientes en tecnicolor. Los recién llegados siempre se quedaban encantados con la descripción. ¿Cómo explicarles la miseria de toda esta religión: el ejército privado de veinticinco mil soldados, armado de cañoncitos hechos con los caños de escape de automóviles viejos, aliados de los franceses que ante el menor momento de peligro se volvían neutrales?”

O contexto en que se da esta convivencia é o do proceso de descolonización do territorio ocupado por Francia. Os habitantes da zona pretenden ter autonomía e un goberno propio de corte comunista en lugar do poder francés que ata o momento domina. Polo o que nun tempo fora un convivir pacífico entre tradición propia e cultura colonizadora convértese nun proceso violento e militarizado pola independencia política e cultural.

Aquí é onde entra en discordia a actitude de Estados Unidos que na década dos cincuenta introduce conceptos novos e axudas loxísticas aos grupos paramilitares para tentar influír no proceso de descolonización que sufre Indochina.

As actitudes dos tres personaxes principais (Fowler, Pyle e Phuong) son un claro expoñente das controversias culturais e os cambios socio-políticos que se veñen dando no contexto temporal da novela (O comezo dos anos 50):

Fowler é un xornalista británico delegado para cubrir a guerra colonial no sueste asiático que está casado cunha católica á que fai anos non ama e se nega a darlle o divorcio.

Unha vez chega a Asia sentirase liberado das súas cargas morais e dedicarase a traballar como reporteiro de guerra (co tempo e co relaxamento do problema militar irá reducindo o seu ritmo de traballo), a vivir “en pecado” con Phuong (situación que non acepta de ningún modo a familia dela) e a reflexionar sobre a vellez e o sentido da vida cando xa consumiu varias pipas de opio. Para el o sentido da vida non consiste en defender valores patrióticos ou ideais políticos; é só un continuo fluír cara a vellez e a morte. Por iso nunca dubidará da súa moral e as súas conviccións máis alá de saberse humano.

A súa actitude pode chegar a entenderse como falta de interese, indiferencia ante o proceso que se está a sufrir no país. Para el xa non hai bos ou malos, só militares que aspiran a conseguir o poder. Non percibimos gran preocupación pola súa parte sobre o futuro do territorio namentres el poida manter o seu status e a súa relación con Phuong.

O seu gran dilema chegará no momento en que descubra que sempre, en todo momento, hai que decidir, o que o levará a eleccións drásticas para poder seguir vivindo en paz consigo mesmo:

“Tarde o temprano, uno tiene que elegir partido si quiere seguir siendo humano” (soldado a Fowler nun fumadeiro de opio)

Poderíamos entender a Fowler como a representación do vello continente: canso, afincado nunha rutina e sentíndose desbancado polas novas potencias emerxentes. Sen pensar xa se existe algún cambio que mereza a pena ou se é mellor que as cousas sigan como están. Abafado polos resultados da Segunda Guerra Mundial e polo futuro que se pode adiviñar nas que unha vez foran colonias das grandes potencias europeas.

Pyle pola súa parte é a representación de Estados Unidos, un home novo, con ideas frescas (en algúns casos un tanto inxenuas) e o propósito de cambiar o mundo. Ou polo menos a situación do sur de Asia.

Nel podemos atopar os inicios intervencionistas da política exterior de Estados Unidos, do intento de expandir a súa ideoloxía e o ideal de liberdade e democracia. Segundo se desenvolve a novela podemos ver os cambios que vai sufrindo Alden Pyle na súa consciencia sobre o momento que se vive en Indochina, sobre o concepto de patriotismo e sobre a idea da “Terceira Forza” promovida por Estados Unidos que se percibe durante todo o relato.

O seu comportamento será en principio o de “xogo limpo” respecto ao amor que sinte por Phuong. Sempre insiste en comentar os seus movementos co seu antagonista, en declararlle primeiro a el as súas intencións para con ela.

Non obstante as intervencións en política de Pyle serán sempre realizadas dende a sombra, apoiando aos grupos paramilitares e dotándoos de artefactos explosivos que só uns poucos recoñecen como estadounidenses. Todo o movemento loxístico de apoio á “Terceira Forza” será encuberto baixo mandatos diplomáticos de Estados Unidos ou axudas civís.(Alden Pyle traballa na “Misión de Axuda Económica” estadounidense)

Por último Phuong sería a personificación do pobo indochino que se ve influído tanto por franceses como por tropas comunistas e finalmente polos intereses que Estados Unidos deposita na zona.

A rapaza dubida entre a tradición da súa propia cultura, o presente que comparte con Thomas Fowler (unha economía moi precaria e a inexistencia da posibilidade de matrimonio) e un futuro hipotético con Alden Pyle no que si tería diñeiro e a posibilidade dun matrimonio que a súa familia aceptaría de bo grado.

Así Indochina está encaixada entre tres opcións: Recuperar a súa independencia cun goberno comunista e con iso as súas tradicións, manterse baixo o mando da súa metrópole francesa ou deixar que unha terceira forza, comandada dende a sombra por Estados Unidos e representada polo xeral The, busque unha saída ao conflicto.

Outro dos puntos destacables do libro é o análise que se nos presenta sobre a guerra de guerrillas, as tácticas de espionaxe e o auxe de novas técnicas de combate e propaganda e des-información.

En todos os bandos implicados na guerra se dá calquera dos conceptos arriba mencionados. Franceses, comunistas ou mercenarios da “Terceira Forza” utilizarán todas as armas das que dispoñan para debilitar e eliminar ao inimigo, que na maioría dos casos e tendo en conta o número de recrutamentos entre a poboación local podería ser o veciño da casa de ao lado.

Neste contexto vemos os intentos de todos os grupos militares por controlar ás forzas públicas, aos comerciantes e industriais (caso da fabricación de explosivos por parte dos estadounidenses coa axuda e consentimento da industria local) e dende logo por impedir que a información do que realmente sucede exceda as fronteiras do país e chegue a oídos occidentais.

Este último é o caso dos xornalistas que en realidade non cobren noticias de guerra senón que son convocados en roldas de prensa polos exércitos correspondentes á ocupación de cada zona e alí sonlles cedidos centos de datos oficiais obviando aqueles contidos que descualificarían a actuación militar diante da opinión cidadá.

Nos momentos en que os xornalistas poden saír a cubrir unha zona en guerra sempre o farán dende avións que non sobrevoarán os territorios onde se leva a cabo o combate senón terreos xa conquistados ou pacificados pola facción que proporciona a opción de filmar ou fotografar.

Así mesmo as axencias e xornais estranxeiros teñen conceptos diferentes sobre o que é ou non noticia e o que debe ser destacado.

Por motivos como eses o funcionamento das oficinas de censura é continuado, ningunha noticia sae do país sen pasar primeiro polo visto bo do lapis vermello. A situación de liberdade de expresión está moi regulamentada polo goberno francés e polas propias faccións que están a intervir no país.

Deste xeito podemos dicir que a novela de Greene non é un contiño sobre un triángulo amoroso multicultural. Nin tan sequera só un relato de espías e milicias paramilitares.

O libro é en si mesmo unha novela-crónica de época sobre a situación que se estaba a vivir no sur de Asia e que sentaría precedente para posteriores intervencións militares das potencias militares e económicas do momento.

Así mesmo debemos ter en conta que a novela saíu do prelo en 1955, un ano despois de que Greene regresara de traballar como correspondente no sur de Asia. Deste xeito podemos precisar que o escritor vivira en primeira persoa moitas das situacións descritas na obra (feito que é confirmado na nota de primeira páxina asinada por el mesmo) e iso outorgáballe capacidade e criterio para falar sobre o tema.

Pese a iso non debemos esquecer que non é un documental, polo tanto non todos os datos son verídicos nin todos os personaxes tan polarizados e politizados como o autor os pinta.

O libro debe lerse como o que é, unha novela que introduce contextos socioculturais reais e personaxes que puideron non vivir a historia de Fowler, Pyle e Phuong pero probablemente estiveron presentes en máis de unha situación similar ás relatadas.