lunes, 2 de mayo de 2011

Morto o can acabouse a rabia

Iso di o noso, tan mundialmente recoñecido, refraneiro popular. Cousa que non acabo de crer. Nin maneira de facelo cando o que morreu non foi un can senón unha persoa, para máis aquel unha icona do que dende os países do tan "evolucionado" occidente demos en chamar "terrorismo islámico". Se a todas horas nos enchemos a boca coa palabra "democracia", facendo alarde de xustiza, de igualdade (sen importar cor, sexo, relixión) e de liberdade (ei, outra ronda de termos case baleiros de sentido pero que enchen prazas) que maneiras son estas de actuar?. Entrar a tiros nunha casa (fortificada din en El País), liquidar todo aquilo que se mova dentro e logo guindar ao mar os cadáveres. Iso si, remarcan tamén en El País que primeiro se cumpliu cos rituais funerarios islámicos. ¡Manda truco! A min se me pegas un tiro na cabeza despois de entrar ao asalto na miña casa pouco me importa que me veña santificar o mesmísimo Papa, ¡iso de católico tenche pouco!. Non nego que probablemente a única maneira posible de acceder a onde Bin Laden se agochaba era unha operación extrema deste tipo, sen moito miramento á hora de chamar ao telefonillo da entrada principal, pero de aí a rematar como a remataron... Se foron capaces de entrar é moi sospeitoso que non foran capaces de capturalo en vez de asasinalo.

E do outro lado do charco todo son celebracións e jolgorio. O presidente da, polo momento, primeira potencia mundial só di que se fixo xustiza e listo. Medo me dá o concepto de xustiza que se ten por este mundo de Deus. Para min a xustiza comeza cando, sexa cal sexa o teu crime, te enfrentas a un xuizo xusto no que un fiscal presentará as túas maldades e ilegalidades, pero onde tamén tes a opción de te defender. Isto parécese máis a unha obra de teatro, a un capítulo dunha serie de ciencia-ficción policial que ao que debería ser a realidade. Iso si, agora só falta que mañá os titulares de medio mundo desmintan o asunto. A paranoia conspiratoria estará servida.


Din que morto o can acabouse a rabia. Non mo creo. Eu son máis dese outro que di Ollo por ollo e todos acabaremos cegos. Teño o pálpito de que todo (sempre) pode ir a peor, e non creo que Oriente Medio vaia a ser a excepción, agora menos ca nunca.


Máis desilusións sobre Bin Laden e a súa morte en Estados Unidos asasina a Democracia (Nerea Pallares Vilar, Galicia Digital )

1 comentario:

  1. Si los americanos igual que ellos.
    Esto parece una película americana. y ahora que en cualquier momento atentado....

    ResponderEliminar