jueves, 5 de marzo de 2009

Cambiarás de muiñeiro...

Somos novos, din que a forza do cambio. Soñamos, proclamamos en voz ben alta os nosos ideais dun mundo máis xusto. Pero, en xeral, pertencemos a esa caste dos indecisos. Os nados a fins dos anos oitenta temos vivido o suficiente como para saber o que non queremos, pero fáltanos a experiencia necesaria para discernir, entre tanto blablabla político, quen minte un pouco menos.

A televisión, os xornais e a publicidade desinfórmannos con todas esas mensaxes contraditorias que nos ofrecen a diario. Mentres nos exaltan as virtudes dos grupos políticos maioritarios en cada seu espazo electoral, véndenos un aparato de ximnasia para lograr uns abdominais de ferro ou unhas pernas de infarto. Deste xeito, ¿como diferenciar unha campaña política dunha estratexia puramente publicitaria, encamiñada a que flúan os nosos cartos cara as súas contas bancarias?. A nosa confusión ten, dende logo, moita lóxica.

Aos desta xeración o de correr diante dos grises quédanos un pouco lonxe, pero fomos nós quen nos manifestamos durante o afundimento do Prestige, contra a guerra en Irak ou os incendios dos montes galegos no verán do 2006. Contra din os nosos pais acerca da desmobilización xuvenil, aseguramos que non é falta de interese político. O que nos afecta é o sentimento desegradable de que as plataformas existentes non nos representan como deberían. É certo que moitos mozos galegos teñen ben claras as súas intencións políticas, e polo tanto o seu voto. Pero tamén existimos aqueles que non temos a capacidade de ver valores humanos detrás dunha xestión irresponsable por parte dos gobernos que nos representaron ao longo da nosa curta historia.

Haberá quen nos chame escépticos, desencantados, chaqueteiros, ou asegure que non vivimos no mundo real. Pero a experiencia política dos nosos case vinte anos de existencia só nos deixou unha cousa en claro: cambiarás de muiñeiro, pero non de estafador...

martes, 3 de marzo de 2009

Las tortugas también vuelan



Ficha técnica:(fonte: LA BUTACA)

Dirección y guión: Bahman Ghobadi.

Países: Irán e Irak.

Año: 2004.

Duración: 95 min.

Género: Drama.

Interpretación: Avaz Latif (Agrin), Soran Ebrahim (Kak), Hiresh Feysal Rahman (Hangao), Saddam Hossein Feysal (Pasheo), Abdol Rahman Karim (Rega), Ajil Zibari (Shirko).

Producción: Bahman Ghobadi, Hamid Ghavami, Batin Ghobadi, Hamid Karimi y Babak Amini.

Música: Hossein Ali Zadeh.

Fotografía: Shahryar Assadi.

Montaje: Moustafa Khergheh Poosh y Hayedeh Safi Yari.

Diseño de producción: Bahman Ghobadi.


Sipnopse:

Nunha pequena aldea do kurdistán iraquí a poboación busca por todos os medios conseguir unha antena parabólica para poder enterarse de como se está a desenvolver a invasión estadounidense en Iraq e como lles afectará a eles e ao seu campo de refuxiados.


Comentario:

Ser neno nun país asolado pola pobreza e por unha inminente invasión militar non é sinxelo. A inocencia que debería caracterizar á infancia é o primeiro en perderse. Aquí, no Kurdistán iraquí os nenos non xogan, non sorrín, non son nenos.

Para asegurar a supervivencia dos menores, un dos rapaces lidera nun campo de refuxiados a un grupo de recolectores de minas antipersoa. Entre os integrantes cóntanse infantes que xa perderon un brazo, unha perna ou ambos. Non obstante, estes seguen coa súa tarefa porque saben que vender as minas é o seu único modo de vida posible nese contexto. Porén, dende a visión deses nenos sen inocencia, podemos topar case un milagre, un último valor ao que aferrarnos dende as nosas butacas occidentais, a amizade incondicional entre os protagonistas que os fai arriscarse e chegar ata extremos nunca pensados.

Bahman Ghobadi pretende presentarnos non unha ficción sobre a guerra e as súas consecuencias nos máis débiles senón facernos ver a todos os que vivimos alonxados, xeográfica e culturalmente, unha realidade. Os rapaces que presentan a historia non son actores profesionais, senón nenos e nenas que viviron en primeira persoa aquilo que contan, ou algo moi similar.

É criticable, dentro do total da obra, o feito de que os personaxes, con algunha excepción moi contada, non teñen rasgos contraditorios en si mesmos, responden a tipos e non presentan matices nas súas actuacións. Son nenos con un espírito puro que non se ve arruinado polo contexto no que viven. Isto alonxa o filme do concepto de denuncia social ou documental, aínda que revolver a conciencia dos occidentais, seguro que o fai.

domingo, 15 de febrero de 2009

sábado, 14 de febrero de 2009

Publicidade ¿Subliminal?



Xa vira anuncios de case todo empregando o sexo como anzol. De CASE todo. Ata que cheguei onte á casa e me topei con isto. Non sei se extrañarme polo feito de que é o primeiro exemplo que atopo ou preguntarme o motivo de que non se tivera empregado antes...



Miss Xaneiro


Ficha Técnica da Synapse Hi-MOD

Fotos escaneadas da propia publicación.

viernes, 13 de febrero de 2009

¿É posible moverse en Vigo sobre dúas rodas e sen motor?

13/12/2008
Os problemas de tráfico das cidades resólvense en boa parte de Europa coa bicicleta

España non é Europa. E Galicia non é España. Falar do uso da bicicleta como medio de transporte diario é falar de diverxencia entre países, non só dentro da Unión Europea, senón xa na Península Ibérica.

Cando un se achega ás grandes cidades da Europa máis ao norte atópase cunha estampa difícil de esquecer: centos de traballadores acoden á oficina, con traxe e gravata, pedaleando nunha bicicleta de cidade. Os estudantes ou as familias con nenos non son a excepción, as masas de ciclistas son constantes en boa parte de Europa. Dende fai varias décadas, a bicicleta emprégase entendéndoa como un medio de transporte ecolóxico, económico e saudable. Os automóbiles e os peóns non son nin inimigos nin obstáculos, unha gran cultura cívica permítelles compartir espazos sen ningunha clase de problemas. O clima aprende a superarse con certos trucos prácticos; o frío e choiva logran evitarse se sabe como. A clase política apoia este tipo de iniciativas xa que en moitas das capitais o uso do automóbil no centro das cidades está gravado con altos impostos e búscase a converxencia entre bicicleta e transporte público. As infraestruturas propias destes países (os carrís bici, as vías acondicionadas, os aparcadoiros para bicicletas...) son numerosas, están correctamente sinalizadas e ben coidadas.

España, situada ao sur do continente, está aínda sumida nun uso da bicicleta como ocio e turismo. A maior parte das cidades españolas non están adaptadas ao uso habitual da bicicleta. É certo que existen carrís bici nas aforas, en zonas verdes destinadas a pasear, pero non os hai para cubrir as rotas dos usuarios habituais. Topámonos maioritariamente con infraestruturas para o lecer e as políticas autonómicas para fomentar as rotas urbanas non soen materializarse en beneficios para os ciclistas. Non obstante, hai casos extraordinarios nos que vemos a aceptación deste vehículo como un medio áxil e efectivo de transporte. Barcelona é o exemplo máis punteiro do país. Na cidade unha porcentaxe moi importante da poboación móvese pedaleando. Os aparcadoiros son habituais na zona máis céntrica; existen numerosos carrís bici e a poboación ten moi interiorizado o uso cotiá da bicicleta. Ao igual que na Europa máis avanzada, os automobilistas respectan aos ciclistas e os peóns non se senten amedrentados polos usuarios da bicicleta.
O que lle queda por facer a Galicia
Galicia, dentro de España, é unha das comunidades onde a bicicleta ten un uso principalmente turístico e de lecer. É relativamente estraño ver xente dirixirse ao traballo nela. En moitos casos o clima non axuda, pero tampouco o fai na gran maioría das cidades europeas nas que si se emprega a bicicleta. ¿Por que debería ser máis raro ver un home en traxe camiño do traballo aquí que en Copenhague? En Galicia é moi perceptible o uso turístico que se lles dá ás bicicletas. Na cidade de Santiago de Compostela atopamos enseguida aparcadoiros con bicis que se poden empregar durante certo tempo se se posúe unha tarxeta de usuario. É certo que existen certas iniciativas para potenciar o uso habitual, sobre todo procedentes das universidades. No caso de Coruña ou Santiago, xa puxeron a disposición dos alumnos e traballadores universitarios varios centos de bicicletas para que se despracen ata os respectivos campus. A universidade compostelá realizou accións similares no curso 2007-2008, e a cidade de Coruña estréase este ano. Porén, estas iniciativas seguen a resultar escasas se temos en conta o gran número de persoas que se moven a diario nas cidades galegas. Sendo Vigo a cidade da comunidade na que maiores vendas de bicicletas se rexistran, é unha das que menos adaptada ao uso diario se atopa. Nela deben convivir peóns, ciclistas e automobilistas cun risco importante para a seguridade dos dous primeiros grupos. Faise moi pouco habitual atopar xente desprazándose en bicicleta sen que exista unha compoñente de lecer. Moitos dos que preferirían ir sobre dúas rodas a todas partes vense imposibilitados polo feito de que moitos condutores vigueses non senten respecto polos usuarios non motorizados. Isto súmase á inexistencia de vías adaptadas ao uso, exclusivo ou non, dos ciclistas.

A opinión dos non-usuarios vigueses
Xosé Manuel Suárez, presidente da asociación viguesa en defensa da bicicleta “A Golpe de Pedal” non dubida en comentar que o principal problema da cidade olívica non é só a falta de infraestruturas, senón a existencia dunha cidadanía na que é moi forte a dependencia respecto do automóbil. A xente, na súa opinión, cre que a bicicleta “é de pobres, é de nenos”, os potenciais usuarios non toman en serio a idea, non se ven a si mesmos pedaleando. Isto súmase á falta de implicación das institucións, que “teñen que ir por diante” para lograr un uso racional da bicicleta. As iniciativas tomadas noutras cidades, españolas ou galegas,segundo el, non se poderían poñer en marcha a curto prazo en Vigo debido non á orografía senón á falta de vontade popular. En xeral as propostas que se tentan levar a cabo en Vigo topan sempre con algunha oposición cidadá, en todo momento existe algún grupo da poboación que considera que as medidas non son as acertadas e promove que non se implanten. “A Golpe de Pedal” ten como obxectivo básico intentar que a xente non tema moverse sobre dúas rodas. O seu labor é buscar a convivencia distendida entre automóbiles, peóns e ciclistas. O maior desexo desta agrupación é converter Vigo nunha cidade ecolóxica, na que a bicicleta se entenda como un factor positivo na mobilidade, para facer deporte, promover o ocio e o turismo. Porén, pese as mobilizacións e marchas que realizan acotío, consideran o seu desexo algo imposible a curto prazo posto que cren que a mentalidade da cidadanía non se pode cambiar só nun par de anos.

A xente máis nova moitas veces non se arreda tanto como a adulta á hora de botarse á rúa en bicicleta, pero denuncia, así mesmo, a falta de aparcadoiros na cidade ou de carrís adaptados. Porén, ata para os máis valentes é un risco tentar atravesar en bicicleta as zonas máis céntricas da cidade, como a Praza de América. Moitos mozos desexarían poder ir aos seus centros de estudo en bicicleta pero non se atreven ou non teñen onde deixar os seus vehículos sen amarralos a unha farola. Os que se moven a pé na cidade tamén botan en falta as infraestruturas adaptadas aos ciclistas xa que consideran que a súa inexistencia os pon en perigo tamén a eles. É un risco para os peóns que as bicicletas se empreguen nas beirarrúas por non poder usarse nas calzadas. Moitos viandantes temen ser atropelados polos ciclistas, e pola súa banda os ciclistas séntense incomprendidos polos camiñantes.

A suma de inexistencia de infraestruturas coa incomprensión entre os diferentes usuarios das vías olívicas dá por resultado que en Vigo a bicicleta non se empregue tanto como o permitirían as condicións xeográficas e climáticas da cidade. Quizás pola conxunción de todos eses factores, aos que se engade a falta de iniciativas institucionais, o uso da bicicleta como medio de transporte diario considérase en Vigo tan só un desiderátum; un soño, para moitos, a moi longo prazo.

As vantaxes de moverse sobre dúas rodas
Actualmente fabrícanse máis bicicletas ca coches, o cal implica que existe unha maior demanda de bicicletas ca de automóbiles. A herdeira do velocípede é un medio de transporte económico, ecolóxico e saudable. En cidade o seu uso está recomendado para traxectos de entre 3 e 5 quilómetros. Resulta práctica para ir ao traballo, á escola ou para desprazarse dun lugar a outro na urbe. En Holanda, Suecia, Dinamarca ou Bélxica empréganas adaptadas ás condicións das cidades, con gardalamas, portavultos e unha estrutura máis lixeira cas de montaña. Nalgúns casos, sobre todo naquelas zonas onde a bicicleta se complementa co transporte urbano, é habitual atoparse con modelos que se poden pregar e introducir nos autobuses ou vagóns de tren ou metro.
O clima non ten porque ser un impedimento para desprazarse sobre dúas rodas en cidade, pese a que en moitas capitais europeas as condicións non son as máis favorables, podemos observar unha continúa afluencia de ciclistas. Da choiva podemos defendernos cun chuvasqueiro e en caso extremo uns pantalóns de auga; equipados deste xeito xa podemos saír á rúa baixo as nubes. O frío combátese con roupa de abrigo, un par de guantes e bufanda. Todos estes obxectos poden ser logo almacenados no portavultos, onde tamén se poden levar os maletíns,mochilas ou ordenadores portátiles. Os complementos que nunca deben faltar son o casco, de uso obrigado, e a roupa con bandas reflectoras. As bicis, con máis razón as de cidade, tamén deben ir equipadas coas luces regulamentarias, que as fan máis visibles para os condutores. Isto non debe esquecerse nunca xa que xunto cos peóns, os ciclistas son as pezas máis débiles da circulación, urbana ou non.

Iniciativas galegas a favor da bicicleta
Pese a todas as deficiencias nas infraestruturas adaptadas en España e Galicia, estanse a ver senlleiras actuacións que modifican, ou tentan modificar, a situación de atraso respecto a Europa no eido dos transportes ecolóxicos. Así, a nivel europeo, podemos topar dende 1997 o Proxecto Eurovelo, que ten como pretensión máxima a creación, en quince anos, dunha rede europea de rotas para bicicletas. O seu propósito é que cheguen a existir doce grandes itinerarios que atravesen o continente do mesmo xeito que o fan as autoestradas ou as sendas para peóns. Esta proposta está impulsada principalmente pola Federación de Ciclistas Europeos (ECF) e polas federacións de ciclistas de Dinamarca e Reino Unido. O que se desexa é promover o uso da bicicleta como medio de transporte e ao mesmo tempo un turismo máis sostible e responsable co medio ambiente. As sendas ciclistas están, pois en parte de Europa xa existen, organizadas a través dunha oficina central en Bruxelas. Pola súa banda, cada rota está baixo a responsabilidade dun Consorcio de Rota que controlará o trazado e asegurará o resultado final. En Galicia, o Eixo Atlántico, apoiado por varias asociacións ciclistas, ente elas “A Golpe de Pedal”; propón que a comunidade se integre dentro do Proxecto Eurovelo mediante unha conexión coas rotas que chegan ata Portugal. Este plan europeo pretende así mesmo ter un impacto positivo nos concellos atravesados polas rotas tanto a nivel medio ambiental como turístico, económico e cultural.

Outra das iniciativas máis importantes de concienciación cidadá sobre o uso da bicicleta é a coñecida como “Masa Crítica”. Este é un movemento naceu en San Francisco (Estados Unidos), unha cidade con grandes desniveis, para reivindicar o espazo dos ciclistas nas cidades. A súa base é a reunión de usuarios que saen á estrada e colapsan, nos casos máis radicais, o tráfico rodado. Deste xeito fan visible aos condutores a situación precaria e de inseguridade que viven a diario. Máis tarde, este movemento, estenderíase a Europa e agora é unha constante nas cidades españolas. En Galicia non ten a mesma magnitude que noutros concellos da península pero é unha onda crecente que representa o interese dunha gran parte da cidadanía por mellorar as condicións do tráfico urbano. En Vigo a “masa crítica” reúnese un domingo cada mes, organizada por “A Golpe de Pedal”, para resaltar o estado en que se atopa o uso habitual da bicicleta na cidade. Segundo Xosé Manuel Suárez, esta é unha “masa crítica descafeinada”, sen punto de comparación por agora coas europeas, xa que as condicións da cidade, e resalta de novo, a cultura cidadá dominante, impiden unha celebración máis reivindicativa. No caso vigués, e dado que o tráfico non se corta, os ciclistas deben extremar as precaucións, sendo equiparables ás que toman a diario, a pesares de atoparse máis protexidos polo feito de ir en grupo.

Estas iniciativas, pese a ser representativas e moi salientables, non son, por desgraza, as suficientes para que Vigo acade a posición que podería ter en Europa no uso da bicicleta como medio de transporte.

lunes, 26 de enero de 2009

A Sangre Fría- Truman Capote


28-10-2008

¿Que nos impulsa a matar?
“A Sangre Fría” Truman Capote



Ficha técnica:
-Título Orixinal- “In cold blood”
-Autor- Truman Capote
-Ano da primeira edición- 1965
-Título en español- “A sangre Fría”
-Editorial- Editorial Bruguera S.A
-Tradución- Fernando Rodríguez
-Ano da edición- 1979
-Número de páxinas: 445

Breve Sinopse:
Unha familia é asasinada no seu fogar. O móbil parece ser o roubo pero todas as posesións dos finados seguen na escena do crime. A policía do Estado de Kansas atópase desarmada ante un sádico suceso que trastornará á veciñanza dunha pequena e, habitualmente, tranquila vila.

Truman Capote amósanos aos lectores os segredos máis escuros dun asasinato que conmoveu á sociedade de Estados Unidos. Con este traballo achéganos á realidade das últimas horas da familia Clutter. Os lectores podemos sentirnos case como un membro máis do clan e agardar con expectación eventos sociais aos que sabemos os Clutter nunca chegarán a asistir. O traballo do autor é dunha profesionalidade tal que semella, como os veciños da vila na que se sitúa a novela, que coñecemos aos defuntos de toda a vida.

Capote é quen, así mesmo, de introducirnos profundamente na mente dos asasinos, de debuxar claramente os seus medos, os seus desexos. De facelos aparecer antes os nosos ollos como vítimas dunha sociedade que lles negou dende sempre a posibilidade do soño americano.

Dentro da obra podemos percibir claramente a importancia da ascensión social como meta na vida. Así como do concepto de ser “unha persoa normal” na sociedade estadounidense dos anos ’60 do século pasado. Amósasenos con profundidade a especial diferenciación social entre os finados e os asasinos. Non só se distinguen dende o punto de partida de cada un dos personaxes senón tamén no trato que cada un deles recibe de parte do autor e da veciñanza da vila de Holcomb e Garden City.

A familia Clutter é o standard, o ideal social ao que todos aspiran. Este clan chegou a rico a través do esforzo e do traballo honrado. Son boas persoas, a fotografía perfecta da “familia de ben” de Estados Unidos. Pola súa banda, os asasinos Hickock e Smith representan a antítese da familia protagonista. Son persoas desgraciadas, de orixe humilde, que non conseguen superar as súas dificultades sociais e persoais. As decisións dos asasinos leváronos a perpetuar as súas desgrazas, sempre recaendo en actividades ilegais, en moitas ocasións ao seu pesar. Capote detense na traxectoria vital destes dous personaxes e presta especial atención á súa infancia e adolescencia, ás insatisfactorias relacións familiares. En definitiva, a todo aquilo que puido influír na súa evolución ata convertelos en asasinos sen escrúpulos e con uns confusos perfís psicolóxicos..

Finalmente, a mestría do autor faino quen de condensar, en apenas catrocentas páxinas, a vida e o destino dunha vila unida por un crime e polo xuízo duns asasinos que non mostran ningún tipo de remorso.

Os puntos máis fortes da novela radican na implicación que os lectores chegamos a ter con todos os personaxes principais, especialmente cos asasinos, e na detallada descrición cronolóxica dos feitos e das súas consecuencias. A profunda análise psicolóxica dos asasinos é un factor moi salientable. Podemos dicir que topamos na novela unha perfecta radiografía do que impulsa a unha persoa a asasinar a sangue fría, sen motivos aparentes É de destacar tamén que toda a información presente na obra foi obtida a través de entrevistas directas do autor aos afectados ou dos arquivos do Estado de Kansas.

O punto negativo, ou menos positivo, da novela atópase, en certo modo, na redacción. Os cambios de localización, de narrador e por tanto de estilo poden chegar a resultar confusos. Isto imposibilita unha lectura de pouca profundidade ou descontinua no tempo. Para captar correctamente os matices nela presentes é imprescindible dispoñer do tempo necesario para ler a novela toda de seguido; senón perderanse ideas, sobre todo relativas á vida, aspiracións e motivacións dos asasinos.

viernes, 23 de enero de 2009

A batalla política entre galego e castelán líbrase agora nas Galescolas

20/01/2009

A polémica do idioma estivo sempre servida en Galicia, comunidade en que funcionan con cooficialidade dúas linguas romances. Nembargante, dende o ano 2007, co auxe das Galescolas, centros para nenos de cero a tres anos onde son atendidos por mestres e postos en contacto coa realidade galega, as tensións creceron, véndose agravadas coa recente aplicación da lei educativa de inmersión lingüística. Dende o inicio do proxecto alzáronse voces en contra en certos eidos educativos e tamén entre os cidadáns de a pé. As Galescolas non resultan ser máis que outro tema no que a Administración Galega e unha ruidosa parte da opinión pública non se poñen de acordo.

Galicia ten, por tradición histórica, unha relación pouco harmónica co castelán. Unha gran parte da sociedade considera que a imposición desta como única lingua oficial durante o franquismo fixo que os rexistros cultos do galego se perderan en moitos casos. É por iso que agora se pretende recuperar ese uso oficial sen, en principio, discriminar ao castelán. O problema é que outra moita xente non ve estas accións separadas dun fondo político camuflado tras ideas culturais. Os propios representantes políticos galegos non se poñían nun principio de acordo sobre estas novas institucións de atención aos nenos entre cero e tres anos. Durante o verán do 2007 puidemos topar na prensa nacional declaracións contraditorias entre os mesmos membros do bipartito PSdeG-PSOE- BNG que aínda hoxe goberna en Galicia. Quizás, aquela que máis leña botou ao lume da guerra entre galego e castelán, polo menos fóra de Galicia, foi a atribuída ao vicepresidente Anxo Quintana cando promulgaba que “os nenos sairán das Galescolas sabendo cantar o himno” (03/09/2007 na versión dixital de “El Mundo”). Aqueles que tiñan dúbidas sobre as intencións políticas destes centros viron reforzada a súa hipótese pese a que esas palabras foran logo matizadas.

Galescolas como Ikastolas
Os temores que hoxe se presentan entre moitos cidadáns galegos, incluso entre os máis novos, non son só referidos á perda do castelán culto, presente só na escola, senón ao uso político que se poida estar facendo dos nenos, a forza máis débil e inocente da sociedade. Jorge, alumno de Física da Universidade de Santiago de Compostela (USC), non dubida en asegurar que este tipo de institucións “non deberían existir” nunha sociedade libre e democrática coma a española. A súa rotunda afirmación basease na idea de que as Galescolas non fan outra cousa que adoutrinar aos nenos e “convertelos en armas de cuestións políticas dos adultos”. O temor a que estas institucións sexan o xerme galego do que foron no seu momento as “Ikastolas” vascas, consideradas por el promotoras do terrorismo etarra, queda patente. Nas súas palabras atópase resumido en gran parte o medo de que apartando aos nenos do castelán dende pequenos non só se fomente un odio pola lingua senón por toda aquela cultura, tamén galega, que leva con ela. Segundo Jorge, o feito de vivir nunha “situación cultural moi rica” na que se compartan dúas linguas debe resultar algo positivo para os nenos e non un arma política, manter afastados aos nenos de calquera dos dous idiomas oficiais é algo contraproducente en todos os sentidos. Unha escola na que os rapaces estiveran só en contacto co castelán sería igual de perniciosa para Galicia.

As ideas expresadas por este estudante aseméllanse ás que defende a plataforma Galicia Bilingüe nas que se promulga a libre elección dos pais do idioma en que serán educados os fillos, respectando a cooficialidade lingüística propia de Galicia. Esta é unha das asociacións que presenta grandes reparos á creación de novas Galescolas e á recente política de inmersión lingüística

As Galescolas dende o interior
Nas instalacións da Galescola de San Roque (Santiago de Compostela), en funcionamento dende Outubro do 2008, pódese atopar aos nenos divididos en pequenos grupos por idades e sempre a cargo de máis de unha persoa. As actividades escolares que se levan a cabo, sendo sempre en galego, están divididas no horario por tipos e por “centros de interese” escollidos entre profesores e alumnos. Un dos puntos máis potenciados dende o profesorado é a interacción dos alumnos co medio, cos mestres e cos outros rapaces. Tamén se busca a implicación da familia no día a día educativo do neno. Pese a non contar aínda con unha Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA), en San Roque percíbese facilmente como os pais e nais colaboran co centro.

Todas as ideas de politización e manipulación da mente dos nenos se rebaten dende a propia institución. A directora desta Galescola asegura que estes organismos, dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, pretenden ante todo cubrir as “necesidades asistenciais” dos nenos e “potenciar os recursos en galego”, non sendo un simple “aparcadoiro” para os pequenos. Nestas escolas non só se promove idioma senón todo o relativo á cultura galega sen deixar de lado a idea da multiculturalidade xa que, en contra do que puidera parecer nun principio, hai un maior número de nenos castelán falantes que galego falantes e é moi importante a presenza de nenos inmigrantes, reflexo da nova situación demográfica que está a vivir Galicia.

Dende a directiva négase a existencia dun trasfondo político e témese que o factor desencadéante de todas estas críticas non sexa outro que “o descoñecemento do que é o proxecto de Galescolas”. Tampouco se dubida en insistir en que a base principal é dotar aos nenos galegos dun eido no que socializar e coñecer o medio dende unha perspectiva laica e apolítica. A conclusión final que achega a titular deste centro en concreto é que as persoas que critican a existencia destas institucións non deberían facer outra cousa senón “vir ver como traballamos e ver como somos” para comprender que o seu traballo non é o de “alienar” aos nenos.

É moi posible que en Galicia nunca se chegue a un bilingüismo harmónico, un soño inalcanzable para a gran maioría dos galegos, falen o idioma que falen. Pero dende ambos lados da contenda se percibe que a pretensión final é que as xeracións máis mozas poidan apreciar o positivo de vivir nunha comunidade na que é posible expresarse en dous idiomas de gran riqueza cultural.