miércoles, 7 de julio de 2010

Vida social I (antónimos)

Vivir na era da web 2.0 ten o seu aquel. Unha pode levar sorpresas en período vacacional cando dende unha (case) inhóspita aldea- por chamarlle dalgún xeito a un lugar onde quedan menos de quince persoas en varios quilómetros á redonda- abre, despois de moitos esforzos, o seu correo electrónico e atopa unha invitación para comezar a empregar as redes sociais con xente á que fai polo menos catro anos que non dirixe a palabra. A explicación máis razoable para isto é o feito de que Facebook che permite convidar a toda a túa lista de contactos de Hotmail, Yahoo e Gmail a ser os teus amigos na rede social. Ante esta situación xorden as dúas grandes preguntas do decenio: “por que agora?” e “por que a min?”. Tamén te sacoden uns espasmos estraños mentres tentas decidirte entre aceptar esa invitación, escribir un correo electrónico e esa persoa explicándolle que debería actualizar a súa libreta de contactos ou, por último, facer como se nunca tivese pasado e borrar ese email da bandexa de entrada como se se tratase de spam. Calquera das tres opcións pode ser correcta, só hai que saber escoller ben as consecuencias que se obterán do acto que decidamos levar a cabo. O único que se pode dicir que está claro dende o punto de partida é que o pasado sempre vai estar agardándonos nalgunha esquina, sen importar a cidade, para sorprendernos calquera domingo á volta da biblioteca, do quiosco ou da panadería.


A cousa remataría aí, sen máis anécdota que a dispersidade xeográfica galega e o lenta que pode ser a conexión á Internet, de non ser que, pola outra banda, a socialización tradicional dos nosos achegados de máis de setenta e cinco anos do rural ten as súas normas e regras do máis dispares. Convencións polas que un tamén debe rexerse, asimilando conceptos e situacións nas que nunca desexaría verse envolto. E todo sempre ofrecendo unha boa cunca de café ben quente e unhas pastas de té compradas hai cinco anos para ocasións deste tipo. Doces deses que non caducan nin amolecen para situacións que tampouco deixan de repetirse. Alguén a quen non esperas, que non avisou, que nin imaxinas, aparece ante a porta da túa casa para pasar a tarde contigo como se se tratara do teu irmán siamés. As anécdotas, queiras escoitalas ou non, voarán dos beizos e espallaranse sobre o mantel, esquivando como serpes as cuncas e arrincando da túa lingua réplicas que máis tarde desexarás nunca ter dado por seren demasiado íntimas. E unha, sorprendida por ter esquecido que as cousas son desta maneira e non doutra non se pode queixar. Non pode emitir lamento algún. Veño da cidade, non comprendo as rutinas, as roldas de veciños, indo de casa en casa cada tarde a botar a partida e comentando as últimas novas sobre defuntos a quen poida que ninguén dos reunidos tan sequera coñecese. Non teño dereito a interferir en rituais sociais que non pertencen ao meu tempo nin ao meu ámbito. A min os máis maiores déixanme esas trangalladas do Tuenti, do “Feisbu” e do “Tuiti”... que eles están moito máis cómodos entre cuncas de café con leite e historias de leiras, marcos e partillas.


A realidade é que sen desprazarme máis de 250 quilómetros podo estar en dous mundos totalmente diferentes, que se rozan, que se entrecruzan sen nunca mesturarse do todo. Dous mundos que non son máis que as dúas caras dunha mesma moeda, da nosa mesma moeda. Queiramos aceptalo ou non, Galicia aínda está dividida, profundamente dividida entre o rural e a cidade, entre a tradición e a máis punteira tecnoloxía, esa é a realidade da nosa comunidade, que aínda case non aprendeu que se pode manexar o rato e facer dobre click sen deixar por ilo de empregar o sacho na leira.

sábado, 3 de julio de 2010

viernes, 25 de junio de 2010

Esperpentia

Benvidos. Pasen, non dubiden, non teman, ningún dos que está ao outro lado das rellas pode alcanzalos coas súas poutas. Poden velos, ulilos, temelos, pero non tocalos. O máximo que esas pobres ánimas poderán facer contra vostedes será berrarlles, cuspirlles ou mentarlles a todos os ancestros e baixar a todos os santos de xunto de San Pedro.

Senten, acomóndense, teñen moitas filas onde escoller. Pero teñan ben claro que na primeira as bágoas, e esputos dos seres malditos poderán alcanzalos de cheo, o que engade un alto valor ao prezo, meramente simbólico, que pagaron por esta entrada. Se vostede é un desos ao que calquera das femias da xaula lle acerta nun ollo ao cuspir chea de rabia saberá que conseguiu evitar as malas bruxas durante polo menos tres meses, ata o seguinte acto público de Esperpentia, o zoo moral do Século XXI. ¿Teñen xa todos listos os seus panos para as falsas bágoas, os seus flocos de millo e regalices? Pois abran ben os ollos, preparen os seus oídos para os máis espantosos alaridos e desfruten. ¡Que se erga o pano! ¡Que comece a función!

Marmurios, voces alzándose para non dicir máis que obviedades e necedades. Xestos obscenos que non levan a ningures. Rituais simbólicos dentro dunha vitrina que nos ailla, que nos impide actuar, nos afoga e cega. Un pasado católico apostólico romano tiránico e intransixente que se rexenera a si mesmo en cada bendición, en cada salmo cantado, en cada bafarada de incenso en plena cara, en todas as olladas empañadas a un cadaleito que non tería que estar aí. A un corpo inerte que, nunca, tería que ser deshonrado de tal maneira. Mentiras, cinismos, ironías, faladurías que a ninguén fan ben. E despois de todo iso, un home tocado de púrpura que quere facernos crer. Un ancián tremente investido dunha santidade na que case ninguén ten xa fe. Querendo facernos crer. Querendo que non perdamos a esperanza. ¿Que esperanza? Porque, ¿que vamos a agardar do futuro, do que virá, se somos nós os primeiros en virarlle a cara e negarlle a man a quen máis o necesita, a quen non é só carne da nosa carne, a quen é algo máis que un fregués ou o noso irmán? Xa non sei se é que non podo ou que non quero crer.

lunes, 17 de mayo de 2010

Volta ao natural: a revalorización da compostaxe doméstica en Galicia


Publicado orixinalmente o 13 de marzo de 2010 como práctica da clase de Xornalismo Electrónico e recuperado en relación á folga que os traballadores de Urbaser (a empresa encargada da recollida do lixo en Santiago de Compostela) manteñen dende hai máis dunha semana.


A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) xunto con Amigos da Terra reivindican publicamente a necesidade dunha maior concienciación e promoción da compostaxe e a reciclaxe en Galicia. Nun momento en que a sostibilidade e a ecoloxía preocupan á cidadanía atopamos na comunidade que as plantas de tratamento de residuos non dan abasto. Dende estas plataformas critícase abertamente o carácter obsoleto do modelo de incineración de SOGAMA na súa planta de Cerceda, un modelo que ademáis denuncian como deficitario economicamente. Non obstante, dende as mesmas asociacións ven como moi beneficiosos para a sociedade os proxectos de promoción da compostaxe doméstica xa levados a cabo dende as administracións galegas.

E isto da compostaxe, ¿que vén sendo?

A compostaxe, un proceso biolóxico no cal restos orgánicos, especialmente vexetais, se transforman ata converterse en humus, volvéndose aptos para funcionar como abonos de diversos tipos de cultivos e plantacións, está comezando a gañar adeptos en Galicia. Esta técnica , coas súas diversas variantes, é coñecida dende a antigüidade e foi empregada durante moito tempo no rural galego na agricultura de autoconsumo, pero agora, nun momento en que a cidadanía sente gran preocupación polo medioambiente e de controversia na adecuación dos modelos de xestión de residuos, as Administracións decidiron impulsar activamente o seu uso nos fogares galegos.

Aos beneficios que a compostaxe supón para a terra, tales como o aforro en abonos químicos e a mellora da estrutura do solo, engádese un valor ecolóxico. Separando en orixe os contidos orgánicos susceptibles de ser compostados (céspede, restos de poda, restos de alimentos...) redúcese a produción de lixo por habitante e tamén o gasto que para os concellos supón a súa recollida e envío ás plantas de tratamento. A compostaxe sería un método ideal de reutilización dos refugallos orgánicos se se alcanzase o número suficiente de usuarios, e sobre todo se se implementase a nivel industrial. Non obstante, polo de agora, en Galicia só as plantas de Nostián e Lousame empregan técnicas de compostaxe, que resultan insuficientes tendo en conta a cantidade de residuos producidos pola poboación galega. A isto hai que engadir a saturación que todas as plantas de tratamento de residuos da comunidade sofren neste momento.


Promocionando a compostaxe doméstica en Galicia

Mentres se busca solución aos problemas resultantes da xestión do lixo, dende as Administracións autonómicas e locais lévanse a cabo campañas de concienciación e promoción de reciclaxe e compostaxe a nivel individual.
A Consellería de Medioambiente e a Sociedade Galega do Medioambiente (SOGAMA), comezaron, xunto coas asociacións ecoloxistas Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) e Amigos da Terra, en 2007 un proxecto piloto de compostaxe doméstica no rural. Os resultados aportados polos técnicos especialistas de SOGAMA e das agrupacións ecoloxistas, foron positivos, demostrando que se reducía a produción de lixo e que o compost resultante era apto para as terras galegas. Hoxe en día aínda se seguen a levar a cabo iniciativas deste tipo, como a anunciada por SOGAMA o pasado 12 de marzo para a área da Mariña Lucense na que se instalarán 200 compostadores domésticos repartidos entre Lourenzá, Barreiros, Trabada e Alfoz.

Os concellos galegos tamén se sumaron a esta corrente e en Santiago de Compostela, dende fai un par de anos, é posible solicitar e recibir un composteiro e a información necesaria para instalar na horta ou xardín e comezar a producir abono de forma natural e sinxela. Ademais, nesta mesma localidade, levouse a cabo durante o verán do 2008 un proxecto de reinserción laboral consistente nunha planta de compostaxe na que se trataban máis de oito toneladas de materia vexetal ao día ao tempo que se ensinaba o oficio de compostador.

jueves, 13 de mayo de 2010

Maxia Nocturna

Só se pechas os ollos e cres...cando os abres é real...





Imaxe: Noria das festas da Ascensión, Santiago de Compostela. 12/05/2010
Cámara: Sony DSC-S600

domingo, 25 de abril de 2010

Pirámide invertida


-->
Quen? Onde? Como? Cando? e o peor de todo, por que (nós)? Non hai respostas (nunca has vai haber). A pirámide invertida nunca serviu de nada. Nin vai servir. Agora que nola queren arrebatar, reivindicamos o seu valor intrínseco. Ese que nunca crimos certo e sempre consideramos un corsé. Somos así. O conto nunca remata e volve sempre ao mesmo inicio. Queixámonos de vicio. E logo, cando cumplen as nosas reivindicacións (á fin!) queremos volver ao sinxelo. Ao que nos resultaba tedioso pero nos protexía da verdade, do frío que vai fóra. E fóra vai moito frío. Por moito que nunca nolo quixeran dicir nós tiñamos que telo adiviñado polo encarnado do seu nariz cada vez que entraban de volta á calor do fogar. Frío. Fóra vai demasiado frío. E agora, diaños, quedamos (buscamos quedarnos) sen aquelo que nos protexía, dunha maneira case mística, del. Pura natureza humana, supoño.

sábado, 17 de abril de 2010

¿Quen dice que é e que non é?

Se hai algo que me desconcerte da época na que vivimos, na que eu mesma vivo, é a dualidade entre o socialmente aceptado, o que se considera "popular" (no sentido de que o consumen "as masas") e o que se supón que tes que consumir se pertences ás clases (culturalmente falando) altas.

Non entendo, non comprendo aínda, despois de tres anos de carreira, cal é o medidor que decide que pertence á categoría de cultura de masas e que á cultura de elite ou alta cultura. Se nos guiamos polo medio de difusión, o 99% por cento do que se consume é cultura de masas, queda moi pouco espazo para a alta cultura. Se pensamos no nivel cultural do que consume, dependerá da franxa de estudos e profesión, pero tamén esa xente prende, de cando en vez, o televisor. Así que ningunha destas variables fai proba. ¿Entón? ¿Que criterio usar?

Se hai algo que ademais de non entender non soporto é que a xente non vexa que non hai só brancos e negros. A maior parte da humanidade móvese entre os grises, e iso inclúe tamén os produtos culturais que consume. Un pode ser catedrático e aínda así ver La Noria de TeleCinco, por moito que logo en público probablemente o negue. E do mesmo xeito, alguén que non le máis que a Cuore pode ver, de cando en vez, documentais sobre animais exóticos. Creo na capacidade do ser humano para poder optar entre diferentes produtos sen menosprecio duns ou doutros.

Non teño nada claro, por último, quen decide que cando un produto, independente en orixe, pasa a ser coñecido, comentado e admirado por moitos se convirte en comercial(no sentido negativo da palabra). E polo tanto debemos deixar de velo, xa que iso nos fai perder parte de esa aura que nos rodeaba, que se expresaba polas nosas aficións culturais compartidas só con uns poucos máis.

Xuroo, por moito que o penso, non o entendo. Non son capaz. Co sinxelo que sería que cada un lera, vise, escoitase o que quixese sen pensar na imaxe cultural que transmite...